O Concello recolle as suxestións dos veciños para continuar coa compostaxe

55

    • Piden que se estenda a outras partes da cidade, decisión que non se poderá adoptar até que o Concello non dispoña de persoal suficiente para atender a nova expansión.
    • Solicitaron unha campaña informativa, que se fará en todos os soportes precisos.
    • Moi bo ritmo na compostaxe de Ponte Boleira, e pechado o primeiro centro de Eduardo Pondal porque xa está completo. O primeiro compost sairá nuns quince días.

O Goberno Local recolleu onte as suxestións da reunión que mantivo cos colectivos veciñais e comuneiros implicados na compostaxe nunha reunión á que asistiu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dos concelleiros Demetrio Gómez e Carme da Silva. Por parte dos veciños estaban representantes de Salcedo, Monte Porreiro, Eduardo Pondal, A Parda, Salcedo Norte, as Federacións Castelao e Teucro, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra e as comunidades de Tomeza e Salcedo.

A concelleira responsabél da xestión de Residuos, Carme da Silva explicou que os colectivos trasladaron que “Pontevedra siga adiante co proxecto de compostaxe”. De feito, solicitaron que se vaia estendendo a outras zonas da cidade, pero neste momento “non podemos atender todo o rápido que quixeramos as demandas porque é preciso persoal”. O Concello está cun proceso de contratación para cubrir catro prazas para estes labores, aos que se sumarán algún mestre composteiro máis procedente do terceiro curso do Plan Revitaliza que imparte a Deputación Provincial. Só con este persoal poderase instalar máis centros de compostaxe e facer o despregue dos composteiros individuais.

Outra das peticións da reunión de onte foi que o Concello faga unha campaña informativa de cara a todas as persoas que descoñecen o proceso da compostaxe. “Comprometímonos a facer todas as que fosen precisas”, explicaba Carme da Silva, e nos soportes necesarios xa que “unha peza fundamental do proxecto é a participación da sociedade”. E dado que o Goberno detecta “un enorme interese en participar, é preciso trasladar ben esa información”.

Moi bo ritmo nos composteiros urbanos

A concelleira tamén fixo balance do ritmo dos composteiros instalados até o de agora no barrio de Eduardo Pondal. No de Ponte Boleira xa están dous módulos -de un metro cúbico- cheos, o que supón que se enche un cada semana, cando a previsión é que se encha un cada 15 días. Calcúlase que neste momento estean achegando arredor de 400 persoas.

Sobre o primeiro instalado en Eduardo Pondal, que está operativo dende o vindeiro 7 de marzo, xa está pechado e o compost a madurar. De feito, estímase que sairá o primeiro compost de Eduardo Pondal dentro duns 15 días, aproximadamente.

Paralelamente, o Concello xa está traballando nunha actividade que se fará cara finais de maio, coincidindo co Día do medio ambiente, de plantación de árbores, de plantas, e de arranxo do xardín de Eduardo Pondal, que despois das obras de instalación dos centros quedou en mal estado.