Unha nutrida programación de actos percorrerá a vida e obra de María Victoria Moreno en Pontevedra no mes da Lingua

43

    • Os actos centrados na homenaxeada no Día das Letras Galegas, comezan esta semana coa proxección dun documental sobre a súa figura. Será este xoves, ás 20.30 horas no Teatro Principal.
    • O Plenario da Real Academia da Lingua Galega será o día 17, ás 12.30 horas no Principal. Nel intervirán Alonso Montero, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey. Irá precedido, na véspera, dun concerto do Consello da Cultura Galega no auditorio de Afundación.

O Concello de Pontevedra e a Real Academia da Lingua Galega (RAG) presentaron esta mañá na cidade do Lérez o programa de actos que ambas institucións farán no mes de maio, mes da lingua, con motivo da Día das Letras Galegas adicado á escritora pontevedresa -“galega por amor”- María Victoria Moreno. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da RAG, Víctor Freixanes, acompañados do concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, desgranaron esta mañá os principais actos para profundar na traxectoria e obra desta galega por decisión persoal, e extremeña de nacemento.

A programación comezou onte mesmo co acordo do xurado do I Premio de narrativa xuvenil María Victoria Moreno gañado por Antonio Manuel Fraga por O bestiario científico de Anxos Nogueirosa. E dado a coñecer no marco do Salón do Libro Infantil e Xuvenil que nestas semanas se celebra na cidade do Lérez.

Para este xoves, 26 de abril, está prevista a proxección dun documental sobre a figura da escritora: “María Victoria Moreno, galega por amor” no que participan persoas moi ligadas á súa vida como Fina Casalderrey, Víctor Freixanes, Manolo Bragado… Será ás 20.30 horas no Teatro Principal.

O venres, 27, ás 12.00 horas está prevista o acto oficial de cambio de nome da rúa Fernández Ladreda por María Victoria Moreno. Un acto no que participará o presidente da Real Academia así como a familia, entre outras autoridades e convidados.

O 1 de maio, ás 11.00 horas, descubrirase unha placa no número 15 da avenida de Vigo, lugar no que residiu a escritora.

O sábado, 5 de maio, ás 19.00 horas está previsto a presentación do libro O escalón de Ulises. Un paseo pola Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros, de Montse Fajardo. Será no Paseo de Valle Inclán, en Campolongo.

O 8 de maio será o Correlingua. A partir das 10.30 horas percorrerá distintas rúas da cidade.

O 8, 9 e 10 de maio centrarán a programación do programa escolar Ben veñas, maio coa XX Mostra de teatro e o certame de música e entrega dos concursos de fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e curtametraxe.

O 16 de maio será o concerto “Día das Letras Galegas” promovido polo Consello da Cultura Galega, no que se estreará unha peza musical composta por Miguel Matamoro sobre un texto de María Victoria Moreno. O concerto será na sede de Afundación, e irá precido dunha recepción oficial do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores aos académicos e os membros do Consello da Cultura no Café Moderno.

O 17 de maio será o día do Plenario da Real Academia da Lingua Galega en Pontevedra. Comezará ás 12.30 horas no Teatro Principal. Segundo desvelou esta mañá o presidente da RAG, neste plenario intervirán os académicos Alonso Montero que mantivo unha estreita relación coa autora; Marilar Aleixandre, sempre moi vencellada á Literatura Infantil e Xuvenil, igual que a homenaxeada; e a escritora pontevedresa Fina Casalderrey. O acto pecharao o propio presidente da Real Academia, Víctor Freixanes.

A cidade continuará a inmersión na vida e obra de María Victoria co tradicional acto do Día das Letras organizado pola Asociación Sociocultural de O Burgo, na praza de Curros Enríquez ás 19.00 horas do mesmo día 17. Participará nel, tamén, a Banda de Música de Pontevedra.

O 18 de maio, na avenida de Montero Ríos, inaugurarase a exposición “Os Bolechas e as variedades dialectais” organizada pola Deputación provincial. Este acto será ás 11.30 horas.

19 de maio, Día das Letras na parroquia de Ponte Sampaio coa inauguración dunha exposición e unha conferencia de Montse Fajardo. Será ás 20.00 horas no Local da Asociación de veciños Santa María de Ponte Sampaio.

A tradicional recepción do alcalde ás asociacións da cidade que colaboran activamente na promoción da lingua durante todo o ano será o día 30 de maio, ás 20.00 horas, no Pazo de Mugartegui.

Tamén está previsto cinema. Será os días 15 e 23 de maio ás 20.00 horas na Casa das Campás, organizado en colaboración co Cineclube de Pontevedra. O día 15 proxectarase A palabra xusta, e o día 23 Contrafaces.

A importancia de ser muller escritora, profesora e galega por amor

O presidente da Real Academia da Lingua, Víctor Freixanes asegurou esta mañá que a Academia “está honrada e agasallada polo Concello e pola atención que o Concello está a ter con María Victoria Moreno”, e adiantou que está previsto que ao acto asistan familiares extremeños de María Victoria Moreno así como unha representación da Junta de Extremadura, “o que reforza a idea de que a figura de María Victoria convoca a persoas de todo tipo”.

Explicou que a Academia celebrará tamén un simposio, nesta ocasión na sede da institución, na cidade da Coruña, sobre a escritora. Todos os traballos que alí se presenten formarán parte do Boletín da Academia, que precisamente nestes días sairá con todas as achegas feitas sobre a figura de Carlos Casares, anterior homenaxeado no Día das Letras.

Tamén destacou que durante este ano no Portal das Palabras da Academia -relacionado co ámbito educativo e pensado para dar ferramentas aos docentes- ten unha especial atención á escritora pontevedresa.

Finalmente, Victor Freixanes destacou a importancia da figura de María Victoria por catro motivos, ningún deles menos importante que o anterior: por ser profesora; por ser escritora e editora; por ser “galega por amor”; e por ser muller “que non é unha cuestión menor”.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores amosouse “encantado” de que se teña adicado o Día das Letras a María Victoria Moreno; pola colaboración coa Academia e porque ilustres persoeiros da cultura “estean en Pontevedra a diario”. Agardou unha masiva asistencia dos pontevedreses a toda esta ampla programación que continuará durante todo o ano.