O Campionato do Mundo de Balonmán Junior 2019, declarado evento de interese xeral

44
  • O 14 de xuño constituirase o comité executivo que coordinará o traballo técnico e organizativo do evento que reunirá a 24 seleccións nacionais
  • 24 seleccións participarán no Mundial que terá lugar do 23 de xullo ao 4 de agosto de 2019 en Pontevedra e Vigo
  • Concello de Pontevedra, Concello de Vigo e Deputación Provincial traballan xuntos a prol do éxito da cita deportiva

 O Campionato do Mundo de Balonmán Junior Pontevedra 2019 foi declarado evento de interese xeral, subliñou o alcalde Miguel Fernández Lores ao remate dunha reunión de traballo do comité organizador do Mundial celebrada hoxe no Pazo da Cultura. Na reunión estiveron, ademais do alcalde, a presidenta da Deputación, Carmela Silva; os concelleiros de Deportes de Pontevedra e Vigo, Anxos Riveiro e Manuel Fernández; os presidentes da Federación Española de Balonmán, Francisco Blázquez e da Federación Galega, José Luis Pérez Ouro e o xefe do servizo municipal de Deportes, Jaime Agulló. O alcalde Vigo, Abel Caballero, desculpou a súa ausencia.

O declaración de interese xeral é “moi importante” indicou Miguel Fernández Lores xa que abre a porta “a posibilidade de patrocinios empresariais, privados o que de habelos permitirá reducir os custes” dun evento que reunirá a 24 seleccións e que dará unha gran proxección internacional a toda a provincia e as cidades de Pontevedra e Vigo.

O Mundial de Balonmán Junior 2019 terá lugar do 23 de xullo ao 4 de agosto do próximo ano, en dúas sedes: Pontevedra (Pavillón Municipal) e Vigo (Pavillón das Travesas). As instalacións deportivas foron avaliadas por unha delegación da Federación Internacional de Balonmán (IHF) o pasado mes de abril.

A decisión política de apostar e traballar polo Campionato está tomada polos responsábeis das tres institucións implicadas – Concello de Pontevedra, Concello de Vigoe Deputación Provincial-, polo que por diante queda a coordinación dun extenso traballo técnico e organizativo que estará a cargo dun comité executivo.

Na reunión celebrada hoxe no Pazo da Cultura acordouse convocar unha próxima reunión para o 14 de xuño. Nela constituirase o comité executivo -que vai a estar formado dun xeito maioritario por técnicos-, fixarase o protocolo de colaboración entre os axentes implicados na organización do Campionato do Mundo de Balonmán Junior 2019 e aprobarase un orzamento inicial do evento.

O presidente da Federación Española de Balonmano, Francisco Blázquez destacou “o excelente ambiente” que atopou aquí “desde o minuto un” para acoller este gran evento deportivo. “Cando cumprimos 30 anos da celebración do Campionato, queremos celebralo e ganalo aquí, na nosa terra, en Pontevedra” indicou.

Pola súa banda a presidenta da Deputación, Carmela Silva e o concelleiro de Deportes de Vigo, Manuel Fernández concordaron en subliñar “o esforzo común” das tres administracións a prol dun evento deportivo que porá no foco ao conxunto da provincia e sobre todo as súas dúas grandes cidades: Pontevedra e Vigo.