O Concello propón a creación dunha Comisión técnica bilateral coa Xunta para estudar o transporte metropolitano

19
    • O alcalde remitiu unha carta á Consellería de Infraestruturas coa proposta na que se aposta por estudar a problemática en profundidade e chegar a un acordo da man de administracións, asociacións, veciños e o sector.
    • Tamén se propón un calendario de traballo que podería estar aberto ás necesidades da Xunta.
    • O Concello estaría disposto a financiar unha asistencia técnica para estudar a situación actual do transporte urbano.

O Concello de Pontevedra remitiu á Consellería de Infraestruturas unha proposta de estudo do transporte urbano e metropolitano no concello, máis aló do convenio limitado ás tarifas que presentou recentemente a Xunta de Galicia. O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez explicou que este convenio debería “ser tratado en profundidade, escapando da pelexa política”, e respectando os acordos os que chegaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo no seu último encontro. Lembraba Demetrio Gómez, que naquela reunión “falouse de estudar en profundidade este servizo para ter un proxecto de transporte co máximo rendemento posible”.

Na carta remitada á conselleira de Infraestruturas proponse estudar o transporte público, incluíndo o metropolitano, a través da creación dunha comisión técnica bilateral que estude todas as alternativas posibles para obter as mellores solucións posibles. Sen pecharse ningunha posibilidade, o Goberno local de Pontevedra propón:

    • Alternativa 0: Situación actual ben analizada e caracterizada.
    • Alternativa 1: Estender a solución dada a Monte Porreiro a todas as liñas urbanas.
    • Alternativa 2: Criar outras liñas e/ou modificar as actuais.
    • Alternativa 3: Implantación de transporte urbano municipal.
    • Alternativa 4: Implantación do transporte á demanda.
    • Alternativa 5: Integración de buses e taxis.
    • Alternativa 6: Transporte metropolitano.

Demetrio Gómez aclarou que o Concello de Pontevedra non pecha nada neste estudo, de feito está disposto a financiar unha asistencia técnica que se encargue de el para que “Pontevedra e a súa comarca poidan ter o mellor transporte de tráfico de viaxeiros”.

Ademais da Comisión técnica bilateral, crearíase nunha segunda fase a Mesa polo transporte público de viaxeiros que integraría aos operadores, asociacións, concellos que garantan a máxima interlocución para chegar á solución definitiva.

Na propia comunicación enviada á Xunta tamén se lle incorpora un calendario de traballo desa comisión técnica -susceptible de ser negociado coa Xunta ou adaptado ás necesidades da administración autonómica- coas seguintes datas:

    • Constitución antes do 30 de xuño deste ano.
    • Contratación da(s) asistencia(s) técnicas, antes do 31 de outubro de 2018.
    • Recollida de toda a información e realización dos estudios necesarios, antes do 31 de marzo de 2019.
    • Propostas de alternativas valoradas, antes do 30 de xuño de 2019.
    • Constitución da mesa do transporte público coa composición que se decida, antes do 30 de setembro de 2019.
    • Conclusións e proposta definitiva, antes do 30 de Novembro de 2019, co fin de poder incluír as consignacións orzamentarias correspondentes ao(s) concello(s).