O Concello e a ONCE pechan o acordo político-técnico para urbanizar a parcela do colexio

14

    • Nas vindeiras semanas será asinado polo alcalde e un máximo representante da ONCE.
    • Permitirá abrir á cidade cara o sur e garantir a permanencia e potenciar o protagonismo da institución na cidade

O Concello de Pontevedra e a ONCE mantiveron esta mañá un encontro político-técnico no consistorio pontevedrés para ultimar o convenio que asinarán ambas institucións. A negociación dos novos termos do convenio ocuparon os últimos meses do pasado ano e todo o 2018 por parte dos equipos xurídicos de ambas entidades.

Neste momento o convenio está en fase de fiscalización. Xa dispón dos informes favorables dos servizos de Urbanismo e Arquitectura municipais e está pendente de informe de Asesoría xurídica e Intervención, para poder levalo a Xunta de Goberno e aprobalo, previa á sinatura.

Por parte da ONCE, tamén está pendente a fiscalización polo seu Consello Xeral.

O acordo político e técnico do convenio permite un crecemento ordenado, eliminando a barreira que supón a actual finca da ONCE, e creando uns accesos axeitados e próximos á nova zona administrativa de Campolongo, dende a avenida de Vigo. Con esta proposta conséguese permeabilizar a zona xa que a actual instalación impide a comunicación entre a zona da avenida de Vigo, San Brais con María Victoria Moreno e Campolongo.

O convenio asegura a permanencia da actividade da ONCE en Pontevedra que refozará a súa presenza na cidade con novas iniciativas de carácter social.

O convenio de 2006

O convenio asinado no ano 2006 actuaba sobre unha finca duns 35.000 metros cadrados cualificada urbanisticamente como equipamento. Prevía a recualificación urbanística de grande parte desta parcela e a segregación de distintas fincas:

    • Unha de 884 metros cadrados que se incorporou á Unidade de actuación Urbanística 25 (próxima a Alfonso X)
    • Unha de 3.600 metros cadrados, que é a que ocupa a residencia (na actualidade propiedade municipal).
    • Unha de 400 metros cadrados permutada ao Concello no ámbito da Corvorana, e que xa foi cedida á Fundación Xoán XXIII para a creación do seu centro ocupacional.

O convenio prevía a permuta da residencia ao Concello, que á súa vez entregaba unha parcela na Unidade de actuación 18 (entre Joaquín Costa e Doce de Novembro) para que a ONCE construíse un novo centro de recursos e un estacionamento.

A operación urbanística tamén incluía unha recualificación da parcela matriz da ONCE para aproveitamento urbanístico (edificable). Nesta modificación prevíase como compensación, a posterior entrega ao Concello do actual colexio, unha vez construído o novo edificio en Doce de novembro.

A ONCE topouse no momento de impulsar o proxecto en plena crise da construción. Tivo, polo tanto, serias dificultades tanto para levantar o novo edificio como para pór a disposición os terreos edificables. Polo tanto, resúltalle de difícil cumprimento o actual convenio.

Esta é a situación actual, polo que a ONCE solicitou un cambio de convenio mantendo as premisas iniciais: seguir abrindo a cidade cara o sur, polo que se manterá a modificación urbanística do Plan neste ámbito, e tamén manter a ONCE na cidade no mesmo espazo no que xa existen outros equipamentos como o Centro Sur ou o ximnasio.

Entre os elementos máis destacados nesta modificación do convenio, o Concello recupera a parcela da Unidade 18 (entre Joaquín Costa e Doce de Novembro) que poderá empregar para outros usos dotacionais, e a ONCE quédase co colexio que reformará para as súas necesidades.

Manteñense os aproveitamentos urbanísticos e urbanízase a parcela da ONCE para dar accesos tanto ao centro de ensino como ás dependencias municipais situadas naquela parcela.

COMPARTIR