Camiño vello de Castela cambia de sentido de circulación 

73
    • O Concello materializou esta semana este cambio para facilitar os traballos de reurbanización que se acometen no cruce de Casimiro Gómez, A Seca e Fernando Olmedo, como na reforma da rúa da Seca. Pero xa será definitivo.

O avance da reforma do cruzamento das rúas Casimiro Gómez, Fernando Olmedo e a Seca, continúa adiante co cambio de dirección da rúa Camiño vello de Castela, un cambio de sentido que xa estaba previsto e que se materializou nesta mesma semana, e que permite acceder a Casimiro Gómez dende José Malvar a través desta rúa. O avance das obras obrigou a adoptar esta medida, que xa será definitiva tal e como estaba previsto no proxecto inicial.

A  mellora da rúa da Seca e a reordenación da mobilidade no cruzamento de Casimiro Gómez con Fernando Olmedo e a Seca, son dous proxectos valorados en máis de 250.000 euros e adxudicados á empresa E.C.Casas.

Na rúa da Seca e no cruce con José Malvar está prevista a ampliación de beirarrúas  e reducir a un só o carril de circulación. Manterase o estacionamento de servizos a un dos lados. A obra foi licitada por 224.967,44 euros e adxudicada por 170.525 euros.

Ademais tamén se está a traballar na eliminación do estacionamento indiscriminado e caótico que hai no cruzamento de Casimiro Gómez, Fernando Olmedo, Camiño Vello de Castela e A Seca, e reordenar o tráfico e todas as mobilidades nesta parte da cidade.

O proxecto crea unha nova praza arborada e novos circuítos peonís seguros. Tamén está previsto o calmado do tráfico e a creación de 19 prazas de estacionamento en batería en sentido contrario á circulación, confinadas no estremo.

A intervención complétase coa instalación de pasos sobreelevados.

Nesta última intervención, o orzamento de licitación desta obra foi de 118.935,68 euros, e a adxudicación á empresa E.C.Casas por 83.017 euros.

A obra de reforma da rúa completouse, tamén, co acondicionamento da zona verde ao carón do Centro de Tecnificación Deportiva que xa se converteu nun punto de encontro e de lecer dos veciños do barrio.