A reforma do Mercado e do Multiusos listos para adxudicar e á espera dos Fondos Europeos

59
  • A Mesa de Contratación reunirase o 22 de maio para abrir a oferta económica do Multiusos e propoñer unha empresa para a reforma do Mercado.
  • Ambos proxectos son prioritarios para o Goberno Local.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra reúnese o 22 de maio para continuar co proceso de adxudicación dos proxectos de reforma da primeira planta do Mercado de Abastos e a mellora da eficiencia enerxética do Pavillón Multiusos da Xunqueira. Ambos proxectos forman parte dos proxectos financiados polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A reforma da primeira planta do Mercado de Abastos ten un orzamento de licitación de 279.292,78 euros e un prazo de execución de 2 meses. Foron 15 as empresas que presentaron oferta e dúas delas estaban en baixa temeraria, que xa foi xustificada, polo que a Mesa de Contratación estará en disposición de propoñer unha empresa como adxudicataria.

O proxecto do Mercado de Abastos pretende acondicionar a planta superior para novos usos diferentes aos habituais, para ofrecer novas ofertas de produtos, mantendo a morfoloxía e distribución, mellorando a imaxe e a estética, e co propósito de dinamizar o Mercado de Abastos, creando novos postos de traballo e axudando á rexeneración económica do centro histórico de Pontevedra.

Ao respecto do Pavillón Multiusos, foron 11 empresas as que presentaron oferta e na Mesa de Contratación abrirase a oferta económica. No caso de non haber baixa temeraria, a Mesa tamén estaría en disposición de propoñer unha adxudicataria.

O proxecto contempla conservar só, a estrutura do edificio e derrubar o demais. Comezando pola cuberta, novo illante térmico, servizos, redistribución de servizos… O custe total está estimado en 2.106.040,59 euros, e o prazo de execución da obra é de 12 meses.

O portavoz do Goberno e responsable de Contratación, Raimundo González explicou que o Concello está á espera que dende o Ministerio se autorice o gasto “xa que de non ser así, haberá atraso na execución das obras”. Non é posible a adxudicación definitiva se non se conta coa autorización do gasto por parte do Goberno do Estado.

O atraso é especialmente preocupante no caso do Multiusos dado que as obras terían que facerse no verán para poder encaixar os calendarios dos clubs que adestran aí.

Ambos proxectos son prioritarios para o Goberno Local.