O 2019 Pontevedra ITU Multisport Triathlon Championships quenta motores

61
  • O Comité Organizador reúnese no Concello, cifra o orzamento en 1,3 millóns e comeza a súa programación

Circuítos, organización, promoción, loxística, infraestrutura, voluntariado, orzamentos, calendarios, actividade institucional e outros pormenores, fixeron parte da xuntanza do Comité Organizador do 2019 Pontevedra ITU World Multisport Thriathlon Championships que terá lugar en Pontevedra entre os meses de abril ao maio do ano próximo (do 26 de abril ao 4 de maio).

O orzamento do evento, a día de hoxe, ascende a 1,3 millóns de euros, e o obxectivo é que a aportación de diñeiro público sexa a mínima imprescindible, para o que foi deseñado un sistema de obtención de recursos que combinara a suficiente aportanción dos deportistas (a proba resultará máis barata que a que ten lugar na illa danesa de Fyn este ano), coa explotación económica doutros valores que xera o acontecemento. Neste sentido, logrouse que o campionato fose incluído entre os seis eventos “de especial interese público” que os Orzamentos Xerais do Estado definen como beneficiarios de exencións fiscais a empresas colaboradoras.

Na xuntanza participaron, ademais do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a secretaria de Deportes da Xunta, Marta Míguez; o deputado provincial David Regades; e representantes do Departamento de Turismo da Xunta, e as federacións galega e española de Triatlón.

Estudouse a expedición a Fyn (Dinamarca) e as funcións que desempeñarán cada unha das persoas que alí representarán á sede pontevedresa, ademais do stand que servirá a Pontevedra para exhibir a súa información e persuadir ao maior número posible de deportistas para a cita do 2019, sempre co obxectivo de achegarse o máis posible ás 4.000 persoas. En Dinamarca estará presente o actual campión de España, o pontevedrés Pablo Dapena, e posiblemente tamén Javier Gómez Noya, aínda que a súa participación neste acto promocional non está confirmada polo momento.

Os representantes institucionais coincidiron na fortaleza que supón estar todos unidos na xestión do evento, e que cada un aporte toda a súa capacidade relacional para que o pentamundial sexa un éxito. Así o puxeron de manifesto nunha roda de prensa posterior. “Evento incomparable” en palabras de Marta Míguez, “o maior reto deportivo do triatlón español”, en palabras de Jorge García, membro da Fetri e “unha gran plataforma para toda a provincia”, segundo o deputado David Regades.

O presidente da Federación Galega de Triatlón, Óscar Surís, aproveitou para lembrar que o vindeiro día 25 de agosto terá lugar o Campionato español de triatlón longa distancia, que servirá para testar o circuíto do mundial do ano próximo.