17 proxectos de arquitectura efémera concorren ao concurso de Experimenta Pontevedra

77
  • O xurado reunirase o 1 de xuño para elixir a proposta gañadora que se vai a instalar na praza de Ourense durante o novo Festival de Deseño Urbano
  • Tres estudos e autores traballan na exposición de Experimenta: un de ámbito local (Xoán Anleu), outro estatal (CUAC Arquitectura, de Granada) e outro internacional (despacho Diogo Aguiar, de Oporto)
  • As obras efémeras estarán expostas durante o festival, do 21 ao 24 de xuño nas prazas de Ourense, Santa María e do Hospital e fronte ao Mercado

Ser unha porta a crear na cidade un espazo de reflexión, a través de instalacións efémeras é un dos obxectivos de Experimenta Pontevedra, o novo Festival de Deseño Urbano que se vai a desenvolver do 21 ao 24 de xuño na Boa Vila promovida pola Concellería de Promoción da Cidade. Catro instalacións creadas “ad hoc” – unha delas xurdida dun concurso- convidarán a interacción da poboación e a posta en valor dos espazos públicos.

O concurso está en marcha. O próximo venres 1 de xuño reunirase o xurado que terá que elixir o proxecto gañador de entre os 17 presentados. O xurado, presidido pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, está integrado por un arquitecto municipal, un representante do estudo de arquitectura Carlos Ferro, outro do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a decana da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e os comisarios deste Festival de Deseño Urbano: Javier Peña, José Santos e José Carlos Mera.

Entre os 17 proxectos presentados ao concurso de instalación efémera de Experimenta Pontevedra hai tres locais e os outros chegados de distintos puntos de Galiza (Santiago, A Coruña, Ourense..), do resto do Estado (Madrid, Valencia, Ponferrada) e un doutro lado do Atlántico, de Colombia.

O proxecto elixido polo xurado instalarase na praza de Ourense tocando coa rúa Benito Corbal. As outras tres propostas creadas ao abeiro de Experimenta Pontevedra están en proceso de creación: a encargada a un despacho de arquitrectura-urbanismo local está en mans de Xoán Anleu e poderá ver na praza de Santa María; a encargada a un equipo de ámbito estatal está en mans de CUAC Arquitectura, un estudo de Granada e e poderase ver fronte ao Mercado e a encargada a un equipo internacional, nesta primeira edición de Portugal, está en proceso da man do despacho de Diogo Aguiar de Oporto e instalarase na praza do Hospital.

Experimenta Pontevedra nace para visibilizar a transformación urbana vivida nos últimos 15 anos, promover a difusión da imaxe do modelo Pontevedra e intervir no espazo público cunha instalación efémera que convide ao diálogo e á reflexión.

Máis información: www.experimentapontevedra.com/