Gulías defende que a peonalización non é unha guerra contra o vehículo privado, é a ocupación da cidade polas persoas

49
  • A concelleira de Promoción da Cidade asiste en Las Palmas de Gran Canaria unhas xornadas sobre Mobilidade Sostible promovidas por Guaguas Municipales e Concello
  • Inmersos na posta en valor dun plan de mobilidade que xira arredor do binomio transporte público-peonalización queren coñecer o modelo Pontevedra

Las Palmas de Gran Canaria traballa na posta en valor dun plan de mobilidade urbana que xira arredor do binomio transporte público-peonalización. Neste contexto Guaguas Municipales, a compañía de transporte urbano de Las Palmas de Gran Canaria, xunto co Concello de Las Palmas organiza unhas xornadas sobre Peonalización e Mobilidade Sostible nas que Pontevedra foi convidada para expor o seu modelo de cidade, coñecido e recoñecido no mundo.

A concelleira de Urbanismo e Promoción da Cidade, Anabel Gulías xunto co director xeral de Urbanismo, Xosé Manuel Tato participaron esta mañá no foro “Falamos de peonalización” onde compartiron mesa con Hector Machín, profesor de Arquitectura y Urbanismo de la ULPGC; José Eduardo Ramírez, concelleiro de Mobilidade e Cidade de Mar de Las Palmas de Gran Canaria e presidente da compañía Guagas Municipais e Tere García, arquitecta e colaboradora do blog Seres Urbanos de El País que actuou de moderadora do debate.

Fronte a un auditorio de profesionais da mobilidade e estudantes, Anabel Gulías explicou a aposta feita en Pontevedra pola recuperación dos espazos públicos para as persoas, baseada en un deseño pensado, nunha decisión política clara e valente de levala adiante e na redución do tráfico na cidade ao estritamente necesario.

“Hai que repensar o vehículo” sinalou a concelleira quen tamén puxo a énfase en que a peonalización “non é unha guerra contra o vehículo privado”, é unha aposta pola ocupación da cidade polas persoas, pola convivencia.

O tempo amosou que o tráfico necesario para o funcionamento dunha cidade “é moi pouco”. O acceso aos garaxes, a actividade económica e comercial, os servizos de todo tipo están garantidos, subliñou a concelleira o que queda fóra e o tráfico de paso e o de axitación. Foi o director xeral de Urbanismo o encargado de explicar os aspectos máis técnicos do proceso de transformación urbana, o que falou dos aparcamentos de servizos, dos bucles circulatorios ou das medidas de calmado de tráfico que axudan a facer de Pontevedra un referente mundial de mobilidade peonil.

Profundar nas formulacións e respostas concretas das cidades europeas respecto á mobilidade, a xestión do tráfico e a peonalización é o obxectivo das xornadas. “Cada quen ten que pensar o seu modelo de mobilidade, buscar o seu camiño, a súa propia receita” concluíu a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías.