Pontevedra sorprende na 13 Conferencia francesa sobre os centros urbanos

55
    • No congreso celebrado xoves e venres en Metz están matriculados máis de 1.200 asistentes, a maior parte representantes políticos e funcionarios das institucións francesas.
    • O video proxectado polo Concello levanta unha gran ovación do público, e a organización interésase pola implantación do modelo e o seu éxito.

Pontevedra participou hoxe na 13 Conferencia nacional do Centro Urbano de Francia e na primeira asemblea europea baixo o mesmo título, organizada na cidade de Metz por Centre-Ville en Mouvement, unha entidade que pretende promover o intercambio de coñecementos e experiencias, así como ideas e iniciativas para facer das cidades lugares máis pracenteiros para vivir.

No Centre-Ville en Mouvement están integradas 251 comunidades francesas. De feito, estas conferencias téñense convertido en esenciais para cargos electos e funcionarios de toda Francia, mostra delo son as máis de 1.200 persoas que están matriculadas nestas dúas xornadas de referencia no sector que se desenvolveron no Arsenal da cidade o xoves e venres.

Ademais do debate nacional francés, nesta edición os organizadores, en colaboración con deputados europeos, acordaron crear un evento internacional de intercambio de experiencias para renovar os centros urbanos. De feito, alcaldes como o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e outros expertos achegaron accións de como facer máis atractivos os centros urbanos e puxeron sobre a mesa novas perspectivas en relación ao futuro das cidades.

Miguel Anxo Fernández Lores compartiu debate con Elke Dilzer, da oficina de desenvolvemento urbano da cidade de Trèves, a urbe máis antiga de Alemaña con preto de 100.000 habitantes e varios monumentos declarados Patrimonio da humanidade; ou Marie-Anne Isler Beguin, vicepresidenta da metrópole de Metz, que ten unha poboación de case 390.000 habitantes, entre outros.

Arrancou a súa intervención o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores coa proxección dun vídeo de 7 minutos sobre a cidade que levantou unha gran ovación do público e unha breve exposición sobre as claves do modelo urbano de Pontevedra, tamén moi aplaudidas: decisión política exercendo as competencias propias; recuperación do espazo público; restrinxir o uso do vehículo privado retirando tráficos de paso, axitación e destino; priorizar os usos necesarios de coches a residentes, actividade económica e servizos; e reducir as velocidades máximas a 20 e 30 km/h.

Como conclusión: os coches necesarios para que a cidade funcione son poucos e compatibles cunha alta calidade de vida.

E o resultado de todas estas prácticas son: cero mortos, menos accidentes graves, autonomía dos máis febles; cumprir os parámetros de calidade do aire da OMS todos os días do ano; aumento da poboación no centro da cidade; mercar produtos frescos a pé; os rapaces acoden á escola a pé e xogan na rúa; aumenta a actividade económica; existe menos ruído ambiental; incrementa a autoestima da cidade; recoñecementos exteriores e proxección da cidade.

Entre as curiosidades do moderador, se o Goberno se atopou moita resistencia na aplicación do modelo na súa orixe, ao que o alcalde contestou que foi moi puntual, froito do medo inicial, pero agora os pontevedreses defenden o seu modelo “con uñas e dentes”.