Madrid aspira a gozar da calidade urbana de Pontevedra

50

‣ O alcalde Miguel Fernández Lores explica no III Foro das Cidades de IFEMA o modelo pontevedrés como unha transformación de éxito transferible a outras cidades

O concelleiro de Desenvolvemento Urbano Sustentable de Madrid, José Manuel Calvo, mantivo no Foro das Cidades que aspira a que a capital española goce dos mesmos índices de calidade urbana que Pontevedra, rexeitando de plano a idea de que pode lograrse en cidades pequenas e non en cidades grandes. “Aspiramos a que non haxa cidadáns de primeira e de segunda polo feito do tamaño da cidade que habitan, e aspiramos a gozar dos niveis de calidade que ofrece Pontevedra aos seus cidadáns”.

No III Foro das Cidades que ten lugar na Feira de Madrid, dende hoxe até o día 15, participou esta mañá no espazo Novos Urbanismos para a Nova Cidade o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores xunto a representantes de Donostia, Madrid e a cidade finesa de Jyvaskyla. Tamén foi relatora da sesión Laura Hagemann, alta funcionaria europea da dirección xeral de política rexional e urbana.

A representante da cidade finlandesa espuxo un caso moi próximo a Pontevedra como exemplo do que se chama “economía circular”. Trátase da rexeneración do espazo que previamente ocupaba unha fábrica de celulosa. Agora, tras o seu traslado, ampliaron o espazo residencial da cidade con 5.000 novas vivendas, e instalaron unha planta de xeneración de combustible a partir dos residuos sólidos urbanos.

O alcalde de Pontevedra, pola súa parte, falou da transformación da cidade subliñando aqueles aspectos máis conceptuais, como a importancia de ter unha visión a longo prazo, a valentía política necesaria para levar a cabo a transformación ou o valor da política como arma para cambiar a realidade das cousas, mellorándoa.

Falou da natureza global e radical do cambio, resolvendo o dilema entre dedicar o espazo aos coches ou ás persoas en favor destas últimas, e centrarse non tanto en resolver problemas de tráfico, senón aumentar a calidade do espazo público en favor das persoas.

Despois de repasar as principais dimensións do modelo e os resultados que se foron obtendo, animou aos presentes a impulsar cambios profundos e a non abandonarse nas inercias da simple xestión pública.

COMPARTIR