As terrazas da praza da Estrela, de Cruz Gallástegui e do Román, primeiras aplicacións da ordenanza de veladores

256

    • A vindeira Xunta de Goberno aprobará as propostas de reordenación destes espazos.
    • Os criterios a seguir son: determinar o espazo da terraza e o número total de veladores que se poden incluír. Finalmente, distribuír as mesas en función do número de metros de fachada do local.

O Concello de Pontevedra iniciou a implantación da modificación da Ordenanza de veladores dando solución a tres casos prácticos en distintos espazos do centro urbano: a praza da Estrela, a rúa Cruz Gallástegui e na avenida Augusto García Sánchez. Estas propostas serán aprobadas na vindeira Xunta de Goberno.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías encargada da xestión e posta en marcha da modificación da ordenanza, aclarou que os veladores son elementos esenciais no modelo de cidade como dinamizadores económicos do espazo público, pero hai diversas disfuncionalidades que o Concello ten que ir corrixindo. Tamén agradeceu a boa sintonía coa hostalería da cidade para adaptarse a estes cambios normativos.

Os tres primeiros casos nos que traballou a concellaría son a praza da Estrela, Cruz Gallástegui e Augusto García Sánchez. E en todos os casos seguiuse o mesmo criterio:

    • Determinar o espazo no que estarán instalados os veladores.
    • Determinar cal será o número total de veladores que se poderán instalar nese espazo previamente acoutado.
    • Distribuír entre os hostaleiros que soliciten terraza o número de veladores que lles corresponde en función dos metros cadrados que teñen de fachada.

Estes criterios son os que se aplicarán en futuras reordenacións doutros espazos da cidade, nos que xa houbo peticións tanto de hostaleiros como de veciños.

Até o de agora, os criterios eran: fixar os metros de fachada e determinar o número de veladores que correspondían, sen partir dun cupo máximo por rúa, praza…

Seguindo estes criterios, na praza da Estrela fíxanse un máximo de 30 veladores, xa que é preciso deixar corredores de 1,80 metros entre as mesas e expedito o acceso á fonte para que poida ser gozada por todos os veciños. Nesta distribución déixanse 20 mesas para o Carabela e 10 para o Meigas fora.

Na rúa Cruz Gallástegui, na que se pretende que os veladores sexan un elemento disuasorio do estacionamento de vehículos dándolle, finalmente, a prioridade peonil que se busca na zona, autorízanse a instalar veladores aos catro locais de hostalería da rúa (na súa marxe esquerda, en dirección ao centro da cidade) seguindo esta distribución: 8 – 8 – 6- 6. Ademais déixanse dous espazos valeiros coa posibilidade de que se poidan ampliar estes veladores ou instalar novos para novos locais.

Finalmente na rúa Augusto García Sánchez, regulouse a terraza do restaurante Román trasladándoa da rúa principal ao lateral -cara aos xardíns de Campolongo-, permitíndolle a instalación de 7 veladores.

O Concello de Pontevedra acaba de facer público o padrón de veladores de 2018 cunha contía total de 205.579,23 euros, na tramitación de 299 recibos e 1.907 veladores.