Hoxe comeza a substitución de todas as luminarias da Canicouva por tecnoloxía led

33
    • É un investimento de case 200.000 euros para cambiar 433 puntos de luz.
    • O Plan municipal para mellorar a eficiencia lumínica no rural pontevedrés continuará pola parroquia de Bora. Xa se cambiou en todo ámbito urbano da parroquia de Ponte Sampaio.

O Concello de Pontevedra inicia hoxe a substitución de todas as luminarias da parroquia de Canicouva por tecnoloxía led. Este proxecto de mellora lumínica está incluído dentro do plan municipal de substitución de todas as luminarias do rural pontevedrés por leds, un proceso paseniño pero constante do Goberno Local, dado o elevado custe desta inversión.

Neste proxecto está previsto cambiar todas as luminarias de vapor de sodio por leds, así como os condutores e os cadros eléctricos en todos os lugares da Canicouva, e tamén en Acevedo e Rañadoiro, na parroquia de Ponte Sampaio, por valor de 195.415 euros. O investimento foi adxudicado á empresa Setga que inicia hoxe mesmo os traballos e está previsto que rematen en dúas semanas, aproximadamente. Na súa oferta económica, a empresa incrementou en 3 anos o mantemento da instalación, que estaba fixado en 5 anos.

O calendario de traballo será o seguinte:

    • Comézase hoxe polo lugar de Cacheiro (Canicouva) no que se substituirán 60 puntos de luz (os traballos serán hoxe e mañá).
    • No lugar da Canicouva cambiaranse 138 luminarias e traballarase durante tres días, de luns a mércores da vindeira semana.
    • Ao lugar de Vilar (Canicouva) trasladarase a empresa entre o mércores e o xoves da vindeira semana para substituír 67 puntos de luz.
    • En Acevedo (Ponte Sampaio) está previsto cambiar 63 luminarias entre o venres 22 e o 25 e 26 de xuño.
    • En Rañadoiro (Ponte Sampaio) traballarase o mércores 27 e o xoves 28, en 66 puntos de luz.
    • Este proxecto de mellora de eficiencia lumínica rematará polo lugar de Ponte Sampaio substituíndo 39 luminarias entre os días 28 e 29 de xuño.

É decisión do Goberno ir estendendo por todos os núcleos do rural pontevedrés os parámetros de eficiencia enerxética e sustentabilidade xa implantados no centro e nos barrios urbanos, seguindo a liña de buscar a equidade de servizos da zona rural ao respecto da urbana. Ademais da eficiencia enerxética, todos estes proxectos ofrecen outras avantaxes como a seguridade nas rúas, a seguranza viaria, a redución das avarías ou a rebaixa da luz intrusa.

O Concello xa traballou na mellora da eficiencia lumínica no núcleo de centralidade de Ponte Sampaio no que se substituíron 307 puntos de luz por 140.000 euros. E está pendente de iniciar os traballos na parroquia de Bora, onde se cambiará toda a iluminación pública. Este proxecto, que suporá retirar todas as luminarias de vapor de sodio por leds, tamén foi adxudicado á empresa Setga por valor de 203.933,406 euros.

Características do led

A tecnoloxía led é de alta calidade e rendemento que permite dirixir á luz con precisión á área que se quere iluminar e evita a luz intrusa (nas vivendas, por exemplo) e tamén a contaminación lumínica. Ademais, na iluminación led a ausencia de radiación infravermella e ultravioleta, garanten a calidade da luz.

Tamén é coñecido a alta resistencia e durabilidade da tecnoloxía led con máis de 80.000 horas de luz e con maior rapidez de resposta: cun acendido instantáneo, entre outras características.