Comezan os zafarranchos de roza da maleza e limpeza das vías, espazos de convivencia e naturais do rural

32

    • Catro brigadas traballan dende hai uns días e até final do verán nas 15 parroquias do rural. Unhas 20 persoas con equipos manuais e tres tractores rozadoras.
    • Atenderase ás vías municipais, aos espazos de centralidade parroquial, aos adros das festas e espazos naturais e de encontro de uso veciñal.
    • Nestes labores participarán entidades como a Fundación Xoán XXIII ou a empresa de inserción laboral Feito.

Case rematada a primavera, o Concello de Pontevedra pon en marcha o agardado zafarrancho de rozas e limpezas das vías municipais do rural dirixido polo concelleiro Demetrio Gómez, coordinador desta área. Nas vindeiras semanas e até o remate do verán, o Concello actuará en todos os puntos das quince parroquias con catro brigadas distintas para retirar a maleza que durante os meses do inverno e, especialmente, da primavera foron invadindo distintos espazos públicos no rural.

O propósito destes traballos son mellorar a seguranza viaria nas vías municipais e manter a calidade de vida nos espazos de convivencia e encontro das parroquias tanto para os veciños como para os centros de usuarios que teñen ao longo de todo o verán. De feito, dende o Concello quérese agradecer a “paciencia” dos veciños do rural por agardar a chegada destes zafarranchos até agora. O Goberno é consciente da incomodidade que pode supoñer a maleza, pero de iniciar antes as rozas só cabería ter que repetilas, dado que na primavera é cando máis crece pola chuvia, a humidade e o calor.

As catro brigadas estarán integradas por unhas 20 persoas e contarán con diversos medios manuais como sopradoras, limpadoras, motoserras, desbrozadoras manuais, pero tamén coa axuda de tres tractores desbrozadores.

Os traballos que desenvolverán pódense estruturar en dous grupos: a limpeza e roza das vías municipais e o acondicionamento dos espazos de convivencia cidadá: puntos de centralidade parroquial, adros da festa ou espazos naturais de encontro e uso veciñal.

As vías municipais e centralidade parroquial

No caso das vías municipais comezarase a traballar polas estradas principais, seguindo as prioridades marcadas nos Consellos parroquiais, para continuar polo resto de vías até as secundarias deixando “planchadas” todas as comunicacións internas das parroquias e as vías de conexión entre as 15 parroquias e os seus diversos núcleos.

Ademais, está previsto unha actuación singular e detida nos espazos de centralidade parroquial como en Salcedo, Campañó, Cerponzóns… Este traballo realizarao a empresa de servizos da Fundación Xoán XXIII, á que o Concello lle fixo un contrato específico dada a importancia do mantemento destes espazos de cara ao verán para que os veciños poidan gozar deles co bo tempo. Ademais, o Concello valora moi positivamente o bo traballo que realiza a Fundación coa que mantén outras colaboracións co departamento de xardíns ao longo do ano, e quere descarta a importancia de acordos como este para fomentar a integración sociolaboral real na vida da cidade.

Adros da festa e espazos naturais e de encontro

Semellante é o acordo acadado con Feito, a empresa local de inserción laboral de tránsito para colectivos máis desfavorecidos. Unha brigada de Feito é a encargada de mellorar espazos de convivencia e de encontro veciñal en espazos naturais do rural como as sendas dos ríos, carballeiras, espazos de xogo… en distintas parroquias. É un traballo que se desenvolverá ao longo do verán para que poidan ser disfrutadas por todos os pontevedreses e os visitantes nos vindeiros meses.

Un cuarto punto de traballo será en todos os adros das festas dos distintos lugares das parroquias do rural. Limparanse e rozaranse días antes da celebración local cunha brigada específica que, momentaneamente, deixará as súas ocupacións para adicarse a estes puntos. Tamén terán un tratamento específico aqueles espazos ou vías nos que está previsto celebrar eventos doutro tipo durante o verán, como as numerosas citas deportivas.

Os traballos estanse a desenvolver en todas as parroquias. Xa teñen comezado pola parroquia de Lérez e levarán unha orde seguindo o Lérez cara ao leste.