O Concello incorpora unha nova parcela ao parque do Gafos dende María Victoria Moreno

124
    • Ten unha superficie aproximada de 380 metros cadrados e o Concello creará un lugar de estancia, abrindo o paseo á cidade.
    • Xa se retiraron os valos publicitarios. Estase a rozar e limpar, e está previsto retirar algunha árbore en estado perigoso.
    • Ao longo do ano, retirarase todo o muro de bloques, porase unha varanda e mobiliario urbano para crear a zona de estancia.

O Concello de Pontevedra comeza os primeiros traballos para incorporar unha nova parcela ao parque do Gafos, no seu tramo urbano, conectando o paseo fluvial coa rúa María Victoria Moreno. A parcela ten unha superficie duns 380 metros cadrados e está situada na rúa María Victoria Moreno, entre unha vivenda e un taller de coches. A Concellaría de Xardíns pretende crear neste novo espazo -que foi expropiado polo Concello- unha zona de estancia, agradábel, creando unha nova entrada ao Gafos dende a cidade.

A parcela estaba abandonada, con valados publicitarios e pechada cara a rúa por un muro de bloques. Por un dos seus extremos está case a nivel de María Victoria Moreno -polo outro non-, e tamén se atopa elevada ao respecto do paseo do Gafos.

Unha das primeiras actuacións que realizou o Departamento de Xardíns foi a retirada dos valos publicitarios, e a apertura dun pequeno tramo da parcela -retirando o muro de bloques- cara a rúa María Victoria Moreno, para poder traballar con maior comodidade na roza e limpeza, que aínda se está a desenvolver.

A seguinte actuación que urxe é a retirada dalgunhas especies arbóreas que se atopan en situación de perigo, xa que están descalzadas e enfermas. Polo que, proximamente, o departamento de Xardíns procederá á retirada de, cando menos, unha árbore.

As actuacións seguintes iranse facendo paseniñamente ao longo deste ano. A Concellaría de Xardíns ten en previsión retirar todo o muro de bloques que pecha a parcela para abrir o paseo cara a rúa, e substituíla por un valado no estremo con máis pendente.

Tamén está previsto crear un espazo de estancia, polo que se colocará mobiliario público como bancos ou mesas, e tamén crear un acceso da parcela ao paseo do Gafos salvando un pequeno desnivel con algunha actuación branda e acordo coa zona na que se topa.