Concello e Deputación da man para construír o novo centro social do Burgo

37
  • A institución provincial aporta 640.000 euros para financiar a obra e o proxecto, tramitación e licitación vai a cargo do Concello
  • A Mesa de contratación da obra, a que concorren 12 empresas, reunirase a próxima semana
  • O local veciñal estará no estadio de Pasarón mais será independente do campo de fútbol e terá acceso propio
  • O convenio enmárcase no protocolo marco de colaboración entre as dúas administracións asinado ao principio do mandato

O alcalde Miguel Fernández Lores e a presidenta provincial Carmela Silva asinaron un novo convenio de colaboración Concello-Deputación que permitirá a construción do novo centro social do Burgo, en Pasarón. Unha nova actuación enmarcada no protocolo marco asinado ao principio do mandato entre as dúas administracións e que fala da lealdade, respecto institucional e colaboración frutífera entre elas.

A Deputación provincial financiará o 100% da instalación social – 640.000 euros- e o Concello ocúpase da redacción do proxecto, tramitación e licitación. A próxima semana reunirase xa a mesa de contratación para adxudicar a obra, un concurso ao que concorren 12 empresas. O prazo de execución da obra será dun máximo de seis meses.

“Quero subliñar a lealdade, o compromiso da Deputación de respectar as prioridades do Concello” apuntou Miguel Fernández Lores. Unha consideración compartida por Carmela Silva ao insistir no “absoluto respecto á autonomía municipal” e definir a relación co Concello de “exquisita”.

Ao abeiro desta protocolo marco quedan aínda proxectos pendentes como, por exemplo: a mellora da conexión Rosalía de Castro-Mollavao, as obras de urbanización do perímetro de Montecelo ou o pavillón deportivo da Parda.

O alcalde quixo tamén poñer o foco no feito de que a colaboración interinstitucional coa Deputación va máis alá das obras. “Quero destacar a colaboración congresual (Ludantia, As mulleres perigosas…), na organización de eventos deportivos (Mundial Junior de Balonmán, Mundiais de Triatlón…), de promoción da cidade” sinalou Fernández Lores, actuacións que acreditan “a boa saúde” da relación Concello-Deputación.

Centro social do Burgo

O Concello ten previsto crear un centro veciñal accesíbel e intelixente dende un punto de vista social, económico e enerxético, e totalmente independente do estadio de fútbol de Pasarón. Para garantir a perfecta separación xérase unha nova e específica entrada para o local social

O futuro Centro Social de O Burgo ocupa 1.087 metros no campo de Pasarón. No soto contará con espazos para almacéns e armarios diferenciados para a asociación de veciños e para o CF Pontevedra. No primeiro andar disporá dun vestíbulo e zona de estancia de 111,50 metros cadrados, unha aula social de 62,40 metros e un salón multiusos de 97,05 metros, entre outras dependencias. Estes espazos estarán destinados a actividades, cursos, obradoiros… polo que se inclúe unha cociña-aula solicitada pola asociación.