Forga impartirá os catro primeiros cursos do Plan municipal de formación

113

    • Son dous de atención socio-sanitaria e outros dous de actividades auxiliares de almacén.
    • As persoas que os realicen recibirán unha bolsa durante a formación, de 15 euros ao día.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación á empresa Forga (Fundación para a Orientación Profesional, a Investigación e o Desenvolvimento Tecnolóxico, o Emprego e Formación en Galiza) dos primeiros cursos do Plan municipal de formación laboral. A adxudicación foi por 34.900 euros que teñen que estar impartidos a 30 de novembro deste ano.

Serán catro cursos os que impartirá esta empresa:

    • 2 de atención socio-sanitaria a persoas dependentes en institución sociais. Serán 15 prazas por curso con 530 horas de formación (on-line e con clases presenciais serán 370 horas, e 80 horas de prácticas)
    • 2 de actividades auxiliares de almacén con 15 alumnos por curso e 370 horas (on-line e presenciais serán 220, máis 150 de prácticas)

As persoas que finalmente realicen os cursos -homologados e con titulación habilitante- recibirán unha bolsa durante o tempo de formación de 15 euros ao día, o que suporá 330-350 euros ao mes.

Incluído dentro do Plan municipal de formación está o expediente para recoñecer o Pazo da Cultura como centro homologado para a formación no emprego, unha tramitación na que están implicadas outras administracións. Os requisitos son moi esixentes: instalacións para formación teórica, dispoñibilidade de equipamentos para prácticas, espazos para dirección, orientación, etc…e a definición das familias profesionais coas que se pretende traballar.

O interese da Concellería de Promoción Económica é que a formación impartida ao abeiro do Plan de Emprego municipal sexa un camiño, con posibilidades reais, cara ao mundo do traballo.