Gómez Crespo executará as obras do novo Local Social do Burgo

32
    • Presentou unha oferta de 529.000 euros e un prazo de acondicionamento do local de 8 meses.

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación á empresa Gómez Crespo Obras y Servicios o acondicionamento do novo Local Social do Burgo por 529.254 euros. O prazo de execución da obra será de 8 meses a partir da sinatura do contrato, para o que hai de prazo un mes.

O proxecto estará financiado pola Deputación de Pontevedra con cargo ao convenio asinado recentemente entre as dúas institucións e que tiña un montante total de 640.000 euros (o custe de licitación do proxecto), e enmarcado dentro do protocolo asinado a principio de mandato.

A obra consistirá na creación dun centro social accesíbel e intelixente dende un punto de vista social, económico e enerxético, e totalmente independente do estadio de fútbol de Pasarón.  Para garantir a perfecta separación xérase unha nova e específica entrada para o local social.

O futuro Centro Social de O Burgo ocupa 1.087 metros no campo de Pasarón. No soto estarán almacéns e armarios diferenciados para a asociación de veciños e para o CF Pontevedra. O primeiro andar disporá dun vestíbulo e zona de estancia de 111,50 metros cadrados, unha aula social de 62,40 metros e un salón multiusos de 97,05 metros, entre outras dependencias. Estes espazos estarán destinados a actividades, cursos, obradoiros… polo que se inclúe unha cociña-aula solicitada pola asociación.