O Concello contrata a unha empresa para axudar aos pontevedreses a alegar pola revisión catastral do rural

99

    • Nestes días están chegando as primeiras cartas aos domicilios dos pontevedreses.
    • O Goberno pídelles que primeiro pidan a información completa a Catastro, e se queren alegar, o Concello ofrecerá unha empresa para axudalos.

O Concello de Pontevedra iniciou hoxe a contratación dunha empresa especializada para axudar aos pontevedreses a presentar alegacións á revisión que o Catastro está a facer para dar de alta construcións auxiliares (galpóns, garaxes, piscinas…), que até o de agora non estaban suxeitas a este réxime.

Catastro iniciou esta revisión en todos os concellos de Galicia hai 5 anos, a raíz de modificar a lexislación e incluír no padrón de construcións todas as auxiliares do rural, agás os hórreos.

As primeiras notificacións de Catastro están chegando aos veciños de Pontevedra nestes días. O Concello de Pontevedra estaba e está en contra desta actualización dado que supón ir contra a estrutura tradicional do rural galego.

Por esta revisión, Catastro cobrará a cada contribuínte revisado 60 euros de taxa, ademais da contía que lle corresponda por dar de alta estas construcións auxiliares (nalgúns casos, incluso, con recargo ao ser retroactiva).

O portavoz do Goberno e concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, instou esta mañá aos pontevedreses a que soliciten toda a información en Catastro, e que se despois queren presentar alegacións á proposta, o Concello disporá dunha empresa especializada para axudarlles.

Nesta semana rematarase o proceso de contratación, e tamén se decidirá a que lugar se poden dirixir e en que horarios.