Bo ritmo na reforma de Virxe do Camiño que poderá estar rematada a final de ano

80

    • O alcalde e a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías visitaron as obras que comezaron por José Casal e unha parte de Virxe do Camiño, seguindo unha planificación previa para garantir, sempre, o tránsito peonil e de servizos.
    • A empresa Oresa é a adxudicataria da reforma por 1,1 millón de euros.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías visitaron esta mañá o desenvolvemento dos traballos de reforma das rúas Virxe do Camiño, José Casal e Mariscal Pardo de Cela en compañía do arquitecto xefe, Ángel Velando, e outros técnicos municipais, ademais de responsables da empresa construtora que realiza os traballos, e do arquitecto autor da reforma, José Ramón Garitaonaindía. A obra foi adxudicada a Oresa por 1.146.785 euros, que ofertou melloras por valor de 125.000 euros que afectan aos pavimentos e á iluminación das rúas.

O alcalde comprobou o bo ritmo das obras e obtivo o compromiso da empresa que poderá estar practicamente rematada cara final de ano.

A empresa que reproduce o proxecto técnico, tamén segue as recomendacións dos técnicos de Cogami que colaboran para que o desenvolvemento dos traballos e o resultado final teña os máis altos estándares de accesibilidade.

De feito os traballos seguen un programa previo. Comezaron pola rúa José Casal levantando a beirarrúa dereita e seguiron por Virxe do Camiño cara Eduardo Pondal, pola mesma man. Xa están soterrados todos os servizos, e nos vindeiros días está previsto que comece o formigonado base desta parte, para poder comezar a abrir o outro lado da rúa. O obxectivo é facilitar, na medida do posible, o tránsito peonil, ao igual que os accesos aos edificios e locais comercias, e a circulación dos servizos.

5 millóns para mellorar o Camiño nos barrios

Esta é a primeira actuación impulsada polo Goberno Local para mellorar o Camiño de Santiago ao seu paso polos barrios da cidade, e terá continuidade no Gorgullón e na Ponte do Burgo cando o Ministerio de Facenda desbloquee os fondos europeos FEDER. O investimento global na mellora do Camiño para o presente mandato supera os 5 millóns de euros: 1,5 para Gorgullón, 1,1 para Virxe do Camiño e 2,5 para Ponte do Burgo.

A Virxe do Camiño é, historicamente, a entrada do Camiño Portugués na cidade, polo que ao inicio desta rúa (no entronque con Eduardo Pondal) créase un baluarte con cortén, que lle dará unidade a todo proxecto. Ademais, elévase para crear unha nova praza arborada con pradairos de distintas cores segundo a estación e plantas aromáticas -tamén de distintas cores- nos alcorques de cortén.

A rúa transformarase cunha plataforma única (de lastro confinado entre bordes de formigón, tiras de baldosa e cortén) e espazos multifuncionais de convivencia e promoción económica. O cortén será o elemento condutor de todo o proxecto.

Todo o ámbito do Camiño estará marcado con lastros luminescente.

O proxecto inclúe a renovación dos servizos: auga, saneamento, sumidoiros, telecomunicacións e rede de gas.

A mobilidade peonil terá prioridade en toda o ámbito. Pecharase a rúa Virxe do Camiño no entronque con Eduardo Pondal, e só poderán saír os servizos e garaxes, a través dunha mesma entrada e saída a modo de garaxe.

COMPARTIR