Comeza a redacción dos pregos para reformar as Oficinas de Ferreiros

13

    • O Concello acaba de recibir o proxecto de execución que ten un orzamento de 1 millón máis IVE, e suporá trasladar os servizos de Tesourería e Urbanismo.
    • O edificio acollerá a 70 funcionarios distribuídos en dúas plantas cunha superficie total de 1.328 metros cadrados.

O Concello de Pontevedra dispón, dende hoxe, do proxecto de execución das Oficinas da rúa Ferreiros, que sairán a licitación despois do verán e poderá estar en obra no último trimestre do ano. O alcalde coñeceu hoxe o proxecto da man do arquitecto xefe, Ángel Velando e do representante do despacho rodríguez+pintos, Santiago Pintos, encargado do proxecto de acondicionamento das dúas plantas. Tamén asistiron á reunión os concelleiros responsables das áreas que se trasladarán a Ferreiros: Raimundo González, responsable de Tesourería e Anabel Gulías, responsable de Urbanismo.

O alcalde amosouse hoxe “satisfeito” por toda a operación que supón o traslado das oficinas municipais a Ferreiros. Supuxo a adquisición dun edificio de 1.328 metros cadrados, de dúas plantas: unha de 600 metros e outra de 728 metros, por un prezo de 1.152.000 euros.

As dependencias de Ferreiros acollerán a 70 funcionarios das áreas de Urbanismo (Disciplina urbanística, Medio Ambiente e Policía Administrativa, Oficina técnica de licenzas e inspección, Oficina técnica de rehabilitación, Servizo de Urbanismo, Planeamento e Patrimonio) e Tesourería (Tesourería, Xestión Tributaria, Contratación tributaria, tributos e inspección). 30 postos na planta baixa (xestión tributaria) e 40 postos na primeira con urbanismo, todos eles distribuídos por áreas e por departamentos.

O investimento da remodelación é de 1 millón de euros ao incluír todos os servizos, domótica, videovixilancia, mobles fixos, arquivos… así como unha reforma interior pensada para aforrar até un 50% dos consumos de enerxía habituais nas oficinas deste tipo. De feito, instálase unha celosía de madeira exterior que poida servir para refrescar as oficinas no verán ou manter o calor no inverno. Adóptanse estratexias do que se ven en chamar Arquitectura Pasiva para conseguir unha cualificación enerxética de proxecto tipo “A”, a mellor das posibles. 

O alcalde destacou que o edificio de Ferreiros suporá unha mellora substancial na atención ao cidadán xa que todos os servizos das dúas áreas estarán na mesma oficina. Ademais, é un inmoble céntrico (a menos de 50 metros da praza de España), e é unha compra “moi económica”, a menos de 2.000 euros/metro cadrado incluíndo a reforma; en comparación a outros locais públicos que se rehabilitaran proximamente na cidade como as oficinas da DXT, situadas en Campolongo, adquiridas por 4,1 millóns e a rehabilitación saíu a licitación por 1,8 millóns de euros, segundo explicou esta mañá o alcalde.

A administración iniciará nos vindeiros días a redacción dos pregos técnicos e administrativos para licitar a rehabilitación interior do inmoble, de tal xeito que poidan estar rematados neste trimestre do ano, e poder iniciar a reforma no último trimestre, antes de que remate 2018.

O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, quixo agradecer o traballo realizado polos técnicos municipais da oficina de Arquitectura, dado que foron os encargados de manter conversas cos compañeiros das áreas que se trasladarán a Ferreiros e “houbo que facer moitos encaixes”.