Comeza o pintado das rúas da cidade que estará listo en setembro

63
    • Arranca a vindeira semana polos principais eixos de circulación da cidade: beiramar. Tamén se fará antes da Peregrina: Ponte da Barca – Raíña Vitoria – Eduardo Pondal.
    • Terán carácter preferente os arredores dos centros de ensino.
    • Entre os barrios que se farán primeiro están o Burgo e Monte Porreiro.

O Concello de Pontevedra inicia a vindeira semana o pintado da sinalización horizontal de toda a cidade. Pon en marcha o recente contrato adxudicado á empresa API Mobilidad S.L. por 981.917,80 euros para recuperar os sinais que en moitos casos están borrados polo uso, é dicir, polo paso do vehículos e peóns, e tamén polo paso do tempo. O obxectivo é conseguir que toda a cidade estea repintada no mes de setembro, aínda que se comezará por lugares preferentes como os arredores dos centros de ensino, ás entradas á cidade ou os principais eixos de circulación como todo beiramar. Por vez primeira aplicarase un tratamento especial ás rotondas, puntos de maior desgaste polo cruce de vehículos.

Os traballos faranse en distintas fases e en distintos lugares da cidade, tendo en conta o calendario festivo que se desenvolverá nas vindeiras semanas no centro de Pontevedra. Deste xeito, está previsto que o eixo principal de circulación da cidade se pinte antes das Festas da Peregrina. De continuar o bo tempo, comezarase esta vindeira semana polas Corvaceiras, avenida do Uruguai, avenida de Bos Aires (até Monte Porreiro), Xosé Malvar, Doce de Novembro.

Entran dentro da primeira fase de pintados -antes da Peregrina- a Ponte da Barca – Paseo Colón – Raíña Vitoria – Augusto García Sánchez e Eduardo Pondal.

Outro dos eixos prioritarios será toda a avenida da Coruña até a rotonda de Médico Balliña coa avenida de Compostela.

O barrio de Monte Porreiro terá igual tratamento que o centro urbano, e tamén estará incluído dentro dos primeiros traballos a realizar, agás aquelas rúas que estean afectadas polas obras de soterramento da liña de alta tensión, que se deixarán para cando rematen.

Os centros de ensino

A contorna dos centros de ensino está incluído como traballo preferente, polo que se actuará en todos os da área urbana durante o verán para que estean listos no mes de setembro, cando comece o curso escolar.

Unha vez que se conclúan os principais eixos de circulación e as entradas á cidade máis empregadas, continuarase coas seguintes rúas da cidade, mantendo o obxectivo de que todas as vías de circulación con sinalización horizontal estean pintadas no mes de setembro.

Por vez primeira, darase un tratamento novedoso ás rotondas, xa que o cruce dos coches fan que se desgasten con máis rapidez os sinais. Poráselles unha pintura especial con dobre compoñente na zona que xiran os vehículos. Aínda que é unha aplicación máis custosa desde o punto de vista económico, perdurará máis. Para aplicar este dobre compoñente será necesario facer un segundo pintado nas rotondas (haberá que dar dúas mans).

O Concello de Pontevedra adxudicou á empresa API Mobilidad S.L. o contrato de pintado da sinalización horizontal de todo o Concello por 981.917,80 euros e por un prazo de catro anos. A licitación do contrato era de 1.088.000 euros. A empresa ofertou unha baixa no prezo do 10%, así como reducir os prazos de pintado urxente a menos de 8 horas e a actualización do inventario de sinais verticais.