Serviocio, gañadora da remodelación das Piscinas de Campolongo

66

    • A Mesa de Contratación considerou que era a mellor oferta por presentar una proposta ecónomica de 4,6 millóns, a redución do 100% das tarifas sociais; do 2,5% do resto de tarifas, e un canon de 60.000 euros/ano.
    • Entre outras melloras está maior inversión para equipamento deportivo, ampliar as rúas da piscina para uso do Concello, ampliar os horarios de apertura ou incrementar os espazos.
    • Logo da sinatura do contrato, a empresa deberá presentar o proxecto de execución no prazo de 40 días.

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra propuxo esta mañá a adxudicación á empresa Serviocio do proxecto de reforma do complexo deportivo Piscinas de Campolongo. Serviocio presentou unha oferta económica de 4,6 millóns de euros; ofrece unha redución do 100% das tarifas sociais; dun 2,5% do resto de tarifas; 60.000 euros/ano de canon o que suporá 1,2 millóns de euros dado que hai que ter en conta a revalorización do canon dende o ano 2020; e non aceptará o millón de euros públicos de investimento ofrecidos polo Concello para asumir a reforma das instalacións.

Unha Xunta de Goberno extraordinaria aprobou esta mañá a proposta técnica da Mesa de Contratación, polo que xa está aberto o período da sinatura do contrato, que poderá prolongarse durante un mes.

Ademais da oferta económica, a empresa tamén propón maior horario de apertura da instalación sobre os mínimos esixidos polo Concello que se resume nun maior horario de uso en época invernal: iniciando a actividade as 6:45 e finalizando as 23:30h, con horario continuado de apertura os sábados dende as 9:00 horas ata as 21:00 horas; e en época estival, se mellora a proposta mínima, coa apertura os domingos pola maña.

Na xestión da piscina, Serviocio propón un incremento de rúas para actividades programadas polo Concello. Sobre unha reserva mínima de 60 módulos horarios ao longo da semana, a empresa fai unha proposta total de 212 módulos (supón un incremento do 253%) horarios ao Concello.

Outra das moitas melloras que inclúe a oferta de Serviocio, é un investimento de 400.000 euros para novo equipamento deportivo. Ademais, incrementarase o espazo deportivo das instalacións, con máis salas xa que desaparecen as pistas de squash e bótase unha placa para completar o primeiro andar, entre outras ampliacións.

Unhas instalacións novas

O concelleiro responsable de Contratación, Raimundo González explicou que a reforma das piscinas van supoñer, en realidade “unhas instalacións novas”.

O cronograma administrativo e de traballo terá que ser pactado coa empresa, unha vez que asine o contrato, para o que ten de prazo un mes. Dende ese momento, deixará de ter vixencia a prórroga do contrato actual, para entrar en vigor o novo.

Dende a sinatura do contrato, a empresa terá un prazo de 40 días para presentar o proxecto de execución e o Concello arredor de 25 para informalo e completar os trámites administrativos.

A execución da obra será de seis meses, pero o inicio dos traballos terá que ser negociado coa empresa.