Javi Gómez Noya presenta o Multisport 2019 mañá en Dinamarca

5

    • As autoridades deportivas exporán a oferta pontevedresa ante os atletas que acoden á edición deste ano

Javier Gómez Noya será a estrela da presentación do ITU Multisport 2019 de Pontevedra na cidade danesa de Odense, onde teñen lugar as principais probas da edición deste ano do campionato internacional. Ocorrerá o venres, ás 15,30 h diante de moitos dos atletas participantes na proba de Odense.

Nesta presentación tomarán parte tamén a secretaria xeral para o deporte da Xunta de Galicia, Marta Míguez; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Federación Internacional de Triatlón, Marisol Casado.

O acto terá lugar no epicentro da proba, onde se celebran as saídas, as chegadas, os concertos, as bandeiras dos países participantes e as zonas de convivio dos atletas.

Previamente, ás 10 horas, celebraráse unha xuntanza entre os comités organizadores da proba da ITU de Fyn e Pontevedra na que se poñerán sobre a mesa asuntos de interés sobre a loxística das distintas competicións, a seguridade, etc.

O photocall de Pontevedra e a acción das relacións públicas nesta competición está logrando a popularidade que se prevía, pois son moitas as delegacións que posan coa nosa bandeira, diante da nosa imaxe, e levan obxectos do merchandising.

Algúns dos participantes teñen xa referencias de Pontevedra, sempre moi positivas e manifestan a súa intención de repetir o próximo ano a experiencia de 2014 cando a nosa cidade acolleu o mundial de duatlón.

Pontevedra e o deporte levantan expectativa en Odense

Por outra banda, un técnico deportivo municipal de Pontevedra participou hoxe nunha sesión técnica sobre deporte e turismo solicitada polo laboratorio de innovación da Fundación Danesa da Industria, que estuda experiencias de éxito na realización de actividades innovadoras relacionadas co turismo.

O promotor da iniciativa, Christian Kierkegaard, projectleader da Fundación relacionada co deporte, recibira noticias sobre o recente posicionamento deportivo da capital pontevedresa e quixo saber cómo se conseguira.

O técnico pontevedrés David Araújo falou do turismo deportivo como un prantexamento estratéxico relacionado co modelo de cidade que permite a realización de grandes probas con facilidade grazas ao gran desenvolvemento do sistema de mobilidade e aos operativos deseñados para as competicións.

Tamén falou da enorme implicación da cidadanía neste tipo de eventos, pois se estimula cos propios espectáculos deportivos e cos eventos que se programan en paralelo, de tal xeito que se produce unha animación extraordinaria entre a veciñanza pontevedresa e o ambiente cosmopolita que proporcionan os deportistas.