Nova campaña de retirada de niños de velutina polo grupo de voluntarios

29

O Grupo de voluntarios anti-velutina inician nestes días unha nova campaña de loita contra esta praga que está a acabar coas abellas e as colmeas locais. Nesta nova xeira, o Concello dotará aos voluntarios do material que lle solicitaron como seguro, gafas, escaleiras, pértegas, sulfatadoras, traxes, insecticidas…, completando as dotacións entregadas con anterioridade.

O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Oubiña reuniuse cos voluntarios para facer balance da primeira parte da campaña na que se exterminaron arredor de 5.000 raíñas. E cada raíña, é un niño. É dicir, preventivamente estermináronse 5.000 niños.

Agora toca o momento de eliminar os niños e as velutinas xa adultas, ben con trampeo caseiro (feitos con viño, cervexa, mel con auga, zume…) ou ben con trampas eléctricas.

O concelleiro explicou que ante a presenza dun niño de velutina, os veciños deben chamar ao 012. Se se atopa alonxado, alomenos, 75 metros das vivendas, actuará este grupo de voluntarios, poñéndose en contacto con eles a través do whatsapp no teléfono 679 411 930 e enviando unha localización do niño. O grupo tardará, como moito, unha semana en retiralo.

Despois do verán, o Concello ofrecerá unhas charlas ás asociacións de veciños informando do que habería que facer cando se descubre un niño de velutina e como facer as trampas. Se algunha asociación quere esta información antes, o Concello está disposto a ir informando puntualmente.

COMPARTIR