Javier Gómez Noya anima aos triatletas a vir a Pontevedra

7

    • Presentouse en Odense, Dinamarca, o ITU Multisport Pontevedra 2019

Hospitalidade, patrimonio e festa. Nestas tres palabras concentrou Miguel Fernández Lores a presentación do campionato do mundo Multisport 2019, que terá lugar en Pontevedra entre os días 27 de abril e 5 de maio.

No acto de presentación, celebrado baixo o arco de meta do mundial de Fyn deste ano, participaron tamén Marisol Casado, presidenta da ITU; Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra; Marta Míguez, secretaria xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e José Hidalgo, presidente da Federación Española de Triatlón.

Javier Gómez Noya animou a todos os deportistas a participar no triatlón, coa seguridade de que será un evento moi especial que se está preparando a conciencia para que todo o que terá lugar o próximo ano sexa unha festa chea de deporte, competición e alegría.

O alcalde presentou a cidade como un lugar moi especial que se distingue pola súa calidade urbana, respaldada por numerosos premios internacionais a un modelo pensado para as persoas. “Non ides arrepentirvos, pois estaredes nunha cidade que se distingue por moitos valores positivos, entre os que tampouco hai que esquecer a gastronomía, o patrimonio histórico e paisaxístico e o agradable microclima das Rías Baixas”.

A representante da Xunta, Marta Míguez presentou Pontevedra como un destino apetecible para calquera deportista, unha cidade con especial relación co triatlón, un deporte que comparte cos demáis os valores positivos da formación das persoas, a sana competición e o optimismo.

Marisol Casado puxo o acento en que será un magnífico campionato, cunha boa organización, algo no que tamén insistiu o presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo, quen foi máis explícito: “Queremos organizar o mellor campionato do noso deporte para que se convirta nunha experiencia única para cada un dos triatletas e persoas que nos visitan”.

A presidenta da Deputación, que falou en inglés, dixo que somos un pobo amante do deporte. “Temos sol e praia, ríos, bosques e unha gastronomía que é unha ledicia, unha cultura propia. Asegúrolles que terán unha experiencia marabillosa e gozarán de lugares máxicos”.

COMPARTIR