Pontevedra “decepcionada” coa proposta da Xunta para a negociación dos bombeiros comarcais

26

    • Entende que só buscan un parque municipal ampliado no que Pontevedra asumiría todas as obrigas derivadas da súa propiedade e xestión, a cambio dunha achega de medio millón de euros por parte do Consorcio.
    • Actualmente o parque ten un custe duns 3,5 millóns de euros para as arcas municipais , que habería que ampliar ao incrementar o cadro de persoal en 25 profesionais, cando na actualidade ten 38.

A concellaría de Protección Cidadá, Carme da Silva cualificou esta mañá de “decepcionante” a proposta presentada pola Xunta de Galicia sobre a comarcalización dos bombeiros de Pontevedra na reunión mantida no Concello co director xeral de Emerxencias e Interior, Luís Menor, e co xerente de AXEGA, Marcos Araújo.

Carme da Silva sostivo que “non se trata dunha comarcalización, senón dunha ampliación das prestacións do parque municipal de Pontevedra que deberá atender ao dobre de poboación e a unha superficie moito maior da actual”.

A Xunta propón, para iso, o incremento dun quenda de 5 bombeiros, a cambio de facer unha achega de medio millón de euros ao ano.

Carme da Silva aclarou que o custe actual do parque de bombeiros de Pontevedra achégase aos 3,5 millóns de euros. O incremento dun quenda de 5 bombeiros, suporía incrementar o cadro de persoal, cando menos, en 25 persoas, aínda que hai que ter en conta que “non son so bombeiros, será un cabo e catro bombeiros”. E recordou que Pontevedra fai quendas de máis de 5 profesionais.

Carme da Silva recoñeceu que “non é o que nos agardabamos” porque dende a Xunta sempre se falou da comarcalización do servizo de bombeiros, “pero o que se está a facer é un parque municipal ampliado, dado que Pontevedra asumiría todas as obrigas derivadas de manter o parque”, dende o persoal ao material, entre outras.

Carme da Silva recoñeceu “a boa intención, despois de tantos anos, que acheguen unha proposta seria -aínda que non o pareza” e pediu aos representantes da Xunta que fagan chegar ao Concello un borrador de convenio, ou algún documento, que poida ser estudado polos servizos económicos e xurídicos municipais.

Dende o Concello sempre se defendeu unha comarcalización do servizo de bombeiros, con entidade supra-municipal, e que non supuxera un euro máis aos veciños de Pontevedra.

COMPARTIR