Pontevedra impulsa a creación da Rede galega contra o esquecemento e a impunidade

36
    • A xuntanza quere impulsar unha Rede de entidades contra o esquecemento e a impunidade.
    • Logo da reunión de hoxe de presentación e debate das liñas de actuación, haberá outro encontro no outono para formalizar a Rede e presentar as primeiras actuacións.

A Casa da Luz acolleu esta tarde un encontro de institucións e entidades sociais galegas co obxectivo de intercambiar información sobre experiencias e proxectos arredor da memoria histórica democrática, así como para iniciar unha nova etapa de cooperación arredor de diversas liñas de actuación nesta materia.

A convocatoria foi a iniciativa da Concellaría de Memoria Histórica do Concello de Pontevedra, que dirixe Luís Bará, e conta coa participación de representantes de concellos, deputacións e asociacións, e tamén coa asistencia, a título individual, de persoas que traballan no ámbito da investigación e a divulgación sobre a memoria histórica democrática galega.

O obxectivo principal da xuntanza é impulsar a Rede galega contra o esquecemento e a impunidade, unha plataforma institucional para promover actuacións comúns neste ámbito. Con esta finalidade prevese a elaboración e aprobación dunha declaración de compromisos para traballar conxuntamente no impulso e desenvolvemento das seguintes liñas de actuación:

    • Condena do franquismo e das súas pervivencias e continuidades.
    • Compromiso para desenvolver políticas públicas de memoria baseadas no recoñecemento dos dereitos fundamentais que teñen as vítimas e a sociedade no seu conxunto: dereito á verdade, á xustiza, á reparación e de garantías de non repetición.
    • Eliminación de simboloxía franquista e de honores e distincións no ámbito das súas competencias, e esixencia de eliminación da simboloxía franquista por parte doutras entidades. Asemade, demanda de desaparición de títulos nobiliarios de exhaltación do franquismo.
    • Reclamación de cambios legais para que se prohiban os actos e actividades de exhaltación ou apoloxía do franquismo, do golpe militar e da Ditadura.
    • Realización de actividades de investigación e divulgación sobre todos os tipos de represión (física, psicolóxica, ideolóxica, moral, económica…) entre 1936 e 1977,  desde unha perspectiva galega e atendendo a criterios de xénero e clase. Promoción de memoriais cos nomes das vítimas da represión franquista e colaboración para a elaboración dun mapa da memoria.
    • Desenvolvemento no ámbito local de actividades de recoñecemento e homenaxe ás vítimas da represión franquista, e organización dun acto anual conxunto de homenaxe ás vítimas (rotatorio e temático).
    • Demanda de lexislación estatal e galega que permita superar o actual marco de impunidade e pervivencia do franquismo e, en consecuencia, solicitude de anulación dos xuízos e condenas franquistas, e recoñecemento do carácter imprescritíbel dos delitos contra a humanidade.
    • Apoio ás iniciativas pro devolución dos bens expoliados pola familia Franco, nomeadamente as accións para a recuperación do Pazo de Meirás ao patrimonio público,e para a recuperación das estatuas de Abraham e Isaac e da Casa de Cornide.
    • Desenvolvemento dunha actuación institucional conxunta e dun marco legal axeitado para a localización, exhumación e identificación das persoas desaparecidas.
    • Creación dun grupo de traballo para o estudo de accións ante organismos internacionais.

COMPARTIR