O martes abre a oficina municipal para axudar aos pontevedreses a alegar contra a revisión catastral do rural

82

    • Atenderá luns, martes e venres previa cita en ibipontevedra@laya.es ou no teléfono 986 23 73 57.
    • Estará no Pazo, e o horario de atención ao público será de 08.30 a 14.00 horas.

O Concello de Pontevedra pon en marcha este martes, 17 de xullo, a oficina para axudar aos veciños e veciñas a presentar alegacións á revisión que a Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, está a facer nas construcións auxiliares do rural (galpóns, garaxes, piscinas… agás hórreos), que até o de agora non estaban suxeitas a este réxime.

Esta oficina estará no Pazo da Cultura e atenderá os luns, martes e venres de xeito totalmente gratuíto. Para poder ser atendido, os interesados deberán solicitar cita previa no correo electrónico ibipontevedra@laya.es ou ben chamando ao teléfono 986 23 73 57. O horario de apertura da oficina será de 08.30 a 14.00 horas, pero só se dará cita até as 13.00 horas para poder atender as persoas de última hora.

Dende o Concello pídese aos interesados que, primeiro, soliciten toda a información no Catastro, e se consideran oportuno alegar, entón poden dirixirse a esta oficina municipal para solicitar asesoramento e axudar a presentar as alegacións á liquidación que lles presente Catastro.

Cabe lembrar que a Dirección Xeral do Catastro cobra unha taxa de 60 euros pola revisión de cada unha das parcelas rurais (se un propietario ten dúas, por exemplo, pagará 120 euros, e así sumatoriamente), ao que haberá que engadir a contía correspondente a dar de alta esas propiedades auxiliares no padrón do IBI (nalgúns casos, incluso, con recargo ao aplicar a revisión retroactivamente).

O Ministerio de Facenda, a través da Dirección Xeral do Catastro, iniciou esta revisión no rural de Galicia hai cinco anos, a raíz de modificar a lexislación e incluír no padrón todas as construcións auxiliares do rural, agás os hórreos. O Concello de Pontevedra sempre estivo en contra desta revisión impulsada dende o Estado, (de feito non favoreceu a súa aplicación) porque supón ir contra a estrutura tradicional do rural galego.

Ante esta situación, o concelleiro de Economía, Raimundo González, xa tiña informado da contratación dunha empresa especializada (Laya, experta na xestión catastral) para axudar aos pontevedreses a presentar alegacións a esta revisión, unha vez que o Concello tivo coñecemento de que chegaban as primeiras cartas aos domicilios dos veciños.