Comeza a reparación da Xunqueira da Gándara coa desmontaxe e reparación das pasarelas de madeira

53

    • O Concello pretende facer  unha actuación branda pero integral no ENIL para mellorar o paseo principal limpando e arranxando a rede sumidoiros e pluviais, reparando mobiliario urbano (bancos e fontes), paneis informativos, pasarelas de madeira…
    • A empresa Naturgalia executará a obra durante tres meses por algo máis de 180.000 euros.

O Concello de Pontevedra inicia mañá os traballos de acondicionamento da Xunqueira da Gándara (Xunqueira de Alba). Trátase de facer unha intervención branda, pero integral, en todo o espazo protexido (é ENIL, Espazo Natural de Interese Local) preservando as súas características naturais pero mellorando os paseos, pasarelas, canalizacións de pluviais, miradoiro… para que un dos puntos de referencia do lecer dos veciños se atope en perfectas condicións de seguridade para o seu uso. Até o de agora facíanse traballos de mantemento en todo o espazo, sen facer intervencións de envergadura, precisamente, para non alterar o espazo protexido, pero é o momento de facer unha actuación máis ampla e integral para manter os elementos do entorno, algúns deles moi deteriorados.

Os primeiros traballos centraranse nas pasarelas, onde está previsto que se desmonten os elementos da que xa está retirada, así como a desmontaxe e reparación das outras  (dúas delas nestes momentos están pechadas). Substituiranse elementos da estrutura  de madeira deteriorados, a tarima de madeira e o valado. Comezarase pola pasarela da Gándara.

Ao mesmo tempo, tamén está previsto actuar nos paseos principais coa limpeza de sumidoiros, de todos os bordos de pedra, reparación e lixado do mobiliario urbano (bancos), limpeza e pintado das fontes, recolocación dos paneis interpretativos, reparación das varandas metálicas…

A empresa encargada de facer os traballos é Naturgalia, que foi a adxudicataria do concurso por un prezo de 184.735,57 euros e un prazo de execución de tres meses.

A adxudicataria asumiu a execución das tres melloras que se incluían no proxecto:

    • Limpeza do elemento principal de desaugue do paseo que leva ata o Parque da Deputación, incluíndo retirada e posterior reposición dos elementos de cubrición, nunha lonxitude de 130 m.
    • Reparación do miradoiro grande da Xunqueira, incluíndo a substitución de táboas rotas e tratamento con Lasur de todas as pezas; reparación, parafusado, limpeza e pintado de varanda metálica; e reparación e pintado de murais exteriores.
    • Reparación da caseta de observación, incluíndo reposición de táboas, limpeza e tratamento con Lasur.