Copcisa iluminará todas as pontes urbanas

41

    • Están incluídas as pontes das Correntes, Santiago, Tirantes e a pasarela peonil da Illa. Fóra queda a do Burgo, que xa está incluída no proxecto de reforma da propia infraestrutura.
    • A empresa presentou unha oferta de 351.000 euros e un mes de execución.

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a adxudicación á empresa Copcisa do proxecto de iluminación de todas as pontes urbanas: Correntes, Santiago, Tirantes e a pasarela peonil da Illa. A empresa presentou unha oferta de 351.554 euros (case 100.000 euros menos do prezo de licitación) e un prazo de execución de 1 mes. Ademais, se comprometeu a unha garantía de 15 anos.

Este proxecto complétase coa iluminación da Ponte do Burgo que se achega aos 800.000 euros e está incluído dentro do proxecto xeral de reforma da ponte que aínda está en proceso de licitación.

Ao respecto das pontes incluídas neste contrato aprobado hoxe:

  • A iluminación da Ponte das Correntes será a máis espectacular. Disporá de 106 proxectores LED RGBW en pezas de aceiro inoxidábel para agachalas, con control único programábel (cor, acendido). Moi similar á Ponte do Burgo.
  • A ponte de Santiago será a máis sobria, seguindo as súas liñas arquitectónicas. Disporá de proxectores de luz branca LED nos piares para destacar ás únicas liñas que ela ten.
  • A ponte dos Tirantes foi a decisión máis complexa xa que é a máis espectacular. Así que irá con luces brancas para iluminar os tirantes e as columnas (substituíndo os proxectores actuais), tamén se iluminará o taboleiro.
  • Finalmente a pasarela peonil terá unha intervención respectuosa coa contorna natural e disporá de cordóns leds nos tirantes e proxectores no arco para as persoas que camiñan.