O Concello reformula as hortas urbanas municipais

175

    • A Finca do Conde e a de Monte Porreiro quedan dirixidas por Medio Ambiente que sacará a concurso as 57 parcelas existentes na actualidade.

O Concello de Pontevedra realizou durante os pasados meses un proceso de reformulación das hortas urbanas municipais para darlles unha articulación legal máis acaída e unificalas no departamento de Medio Ambiente, xa que, até o de agora, a Finca do Conde a xestionaba Igualdade.

Nesta nova andaina das hortas municipais poderán ser beneficiarios destas fincas:

    • Persoas maior de idade
    • Empadroados en Pontevedra
    • Non teñan sido revogados como usuarios en anteriores convocatorias

Asignaránselle hortas en función dos seguintes criterios:

    • Daráselle a opción a aqueles usuarios que teñan xa asignada unha horta e queiran seguir cultivándoa.
    • As restantes irán todos a sorteo, tendo en conta que terán prioridade as vinculadas aos Servizos Sociais e ao CIM, e a continuación irán o resto.
    • As persoas que non teñan opcións, quedarán nunha lista de agarda. Tendo en conta que o Concello fará un seguimento e control do cultivo das hortas, poderá quitar a concesión a aqueles que non as traballen, reasignándoa na lista de agarda.

Os interesados poderán inscribirse a través da sede electrónica do Concello sede.pontevedra.gal ou ben polo Rexistro xeral, durante un mes: dende o 23 de xullo até o 22 de agosto, ambos días incluídos.

As persoas que están a cultivar as hortas na actualidade terán de prazo até o mes de novembro para recoller os froitos das súas plantacións. Nese momento entrarán en vigor as novas concesións (que poden ser dos mesmos adxudicatarios ou de novos).

A concesión será por dous anos prorrogables a outros dous, e a obrigada carencia de dous anos antes de poder volver a iniciar o proceso de concesión.

O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Oubiña animou aos pontevedreses a se presentar, “porque canta máis xente se una, mellor”.

As hortas urbanas de xestión municipal son 57 situadas na Finca do Conde e en Monte Porreiro, moitas delas xa traballadas e coa axuda dunha empresa de formación (Feito) que os axuda sobre os cultivos.