Concello e ONCE rubrican o novo acordo urbanístico en Campolongo

69

    • A ONCE reafirma a súa aposta por Pontevedra ao propoñer unha reforma integral do CRE que permitirá potenciar esta instalación dentro da Organización.
    • O Concello manterá a propiedade da residencia e o xinmasio da ONCE. Recupera a parcela da U-18 de Doce de Novembro e mantén o aproveitamento urbanístico da parcela matriz da ONCE para abrir a cidade cara o sur e proxectar un vial que una a zona administrativa de Campolongo co ámbito do IES Torrente Ballester.

O Concello de Pontevedra e a ONCE asinaron esta mañá o novo convenio urbanístico para acadar un crecemento ordenado en Campolongo, elimando a barreira que supón a actual finca da ONCE, e creando diversos accesos axeitados e próximos á nova zona administrativa.

O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e o presidente da ONCE, Miguel Carballeda foron os encargados de rubricar este novo acordo que en palabras do alcalde supón “unha gran satisfacción para o Concello”. Miguel Carballeda lembrou que o Centro de Recursos da Once en Pontevedra vivirá nunha nova etapa coa reforma integral do edificio, que xa conta con 75 anos, para seguir ampliando a súa oferta social na cidade na que traballan 33 persoas.

O Convenio de 2006

O convenio asinado esta mañá, arrancou cun acordo previo do ano 2006 que actuaba sobre unha finca duns 35.000 metros cadrados cualificada urbanisticamente como equipamento. Prevía a recualificación urbanística de grande parte desta parcela e a segregación de distintas fincas:

    • Unha de 884 metros cadrados que se incorporou á Unidade de actuación Urbanística 25 (próxima a Alfonso X)
    • Unha de 3.600 metros cadrados, que é a que ocupa a residencia (na actualidade propiedade municipal).
    • Unha de 400 metros cadrados permutada ao Concello no ámbito da Corvorana, e que xa foi cedida á Fundación Xoán XXIII para a creación do seu centro ocupacional.

O convenio prevía a permuta da residencia ao Concello, que á súa vez entregaba unha parcela na Unidade de actuación 18 (entre Joaquín Costa e Doce de Novembro) para que a ONCE construíse un novo centro de recursos e un estacionamento.

A operación urbanística tamén incluía unha recualificación da parcela matriz da ONCE para aproveitamento urbanístico (edificable). Nesta modificación prevíase como compensación, a posterior entrega ao Concello do actual colexio, unha vez construído o novo edificio en Doce de novembro.

A ONCE topouse no momento de impulsar o proxecto en plena crise da construción. Tivo, polo tanto, serias dificultades tanto para levantar o novo edificio como para pór a disposición os terreos edificables. Polo tanto, resúltalle de difícil cumprimento o actual convenio.

Situación actual

Esta é a situación actual, polo que a ONCE solicitou un cambio de convenio mantendo as premisas iniciais: seguir abrindo a cidade cara o sur, polo que se manterá a modificación urbanística do Plan neste ámbito, e tamén manter a ONCE na cidade no mesmo espazo no que xa existen outros equipamentos como o Centro Sur ou o ximnasio.

No cambio do convenio, o Concello recupera a parcela da Unidade 18 (entre Joaquín Costa e Doce de Novembro) que poderá empregar para outros usos dotacionais, e a ONCE quédase co colexio que reformará para as súas necesidades.

Ao mesmo tempo, mantense a modificación do Plan para que exista un aproveitamento urbanístico da parcela matriz da ONCE, cuxo proxecto de urbanización está previsto desenvolver en tres fases:

    • A primeira é a construción dun vial que permita conectar a zona administrativa de Campolongo co ámbito co IES Torrente Ballester. Para facer esta vía, a ONCE está disposta a achegar, con carácter inmediato, medio millón de euros.
    • A seguinte é darlle continuidade a esta vía até San Brais
    • A última é a propia urbanización da parcela, onde o Concello obterá edificabilidade pola diferencia de valor entre a parcela do Colexio e a da U-18, aínda que este punto aínda está por concretar.