A reforma da Seca avanza coa transformación do cruce con Fernando Olmedo

74
    • O proxecto está incluído nun plan global de actuación no barrio que se completa coa creación da zona verde do Camiño Vello de Castela, a reforma das rúas da Seca, Cruz Vermella e Padre Gaite, e a inminente demolición do vello cuartel da Garda Civil.
    • Queda pendente do tramo central de Fernando Olmedo que se poderá estudar de cara ao vindeiro ano.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou esta mañá os traballos de reforma do cruce das rúas Casimiro Gómez e Fernando Olmedo, que continúan nestes días coa reforma integral da rúa da Seca. O alcalde, que se amosou satisfeito co resultado das obras, asegurou que este proxecto está enmarcado dentro dunha actuación máis global no barrio que inclúe a reforma de Cruz Vermella e Padre Gaite, a da Seca e o novo parque do Camiño Vello de Castela, e que se completará no mes de agosto co derrubo e nova construción do centro da terceira idade de Casimiro Gómez, nas antigas instalacións da Garda Civil.

O proxecto de acondicionamento do último tramo de Fernando Olmedo e a rúa da Seca comezou meses atrás co acondicionamento da zona verde do Camiño Vello de Castela, que formaba parte dos antigos terreos de Tafisa, e que se transformou nun espazo de estancia para os veciños do barrio, que o empregan acotío.

A segunda fase das obras era remodelar e reordenar o tráfico no cruzamento das rúas Casimiro Gómez con Fernando Olmedo, A Seca e Camiño Vello de Castela, nos que se están a realizar os últimos retoques (creación de sumidoiros para a recollida de pluviais). A transformación na zona foi radical pasando de ser un espazo de estacionamento indiscriminado a ampliar as beirarrúas e crear unha nova praza arborada. Confinouse o tráfico a un único carril de circulación e se instalaron medidas de calmado de tráfico, ademais de crear novas prazas de estacionamento de servizos.

A última fase destas obras é a reforma da rúa da Seca que a empresa E.C.Casas executa nestes momentos, e que consistirá na ampliación das beirarrúas, reducindo os dous carrís de circulación a un, e creando unha liña de estacionamento de servizos na marxe dereita, a petición dos comercios da rúa.

Demolición do vello cuartel da Garda Civil

O alcalde destacou que “é un incremento substancial da calidade urbana na zona”, á que hai que incorporar a actuación que o Concello desenvolve nestes momentos na rúa Cruz Vermella e Padre Gaite, e que se completará coa actuación privada prevista no vello cuartel da Garda Civil para transformalo nun centro da Terceira Idade.

Fernández Lores desvelou que os técnicos da empresa que comprou o solar están en permanente contacto cos técnicos municipais para abordar as distintas fases do proxecto. Neste momento, o Concello estuda o plan de demolición que presentou a promotora, e a ser posible poderá comezar a demolición do edificio no mesmo mes de agosto.

“Eles teñen o máximo interese en avanzar, e dende o Concello dámoslle prioridade a todos aqueles proxectos que xeran actividade económica, como é este caso, que estamos axilizando ao máximo polo interese da cidade”, explicaba o alcalde, que lembrou que o novo edificio sociosanitario de Casimiro Gómez daralle “outra prestancia” á rúa e permitirá dignificar esta zona da cidade.

Tamén recoñeceu que a parte que queda pendente de actuar será o tramo central de Fernando Olmedo “que se poderá acometer no vindeiro ano”.

O alcalde amosouse satisfeito “como está quedando todo”, e especialmente contento porque “os veciños tamén me din que están contentos”.