A tala dos plátanos de Padre Gaite obriga a pechar a rúa dende o luns

312

    • Os traballos durarán entre dous e catro días nos que estará cortado o tráfico de 08.00 a 16.00 horas. Como alternativa, invértese o sentido de Irmáns Sobrino Buhigas para acceder dende a avenida de Bos Aires cara Cruz Vermella.
    • A rúa da Seca péchase ao tráfico o luns e durante dez días para continuar a súa reforma.

As obras de ampliación do modelo urbano á toda a cidade vivirán a vindeira semana dous momentos destacados para a transformación visual da rúa da Seca e de Cruz Vermella-Padre Gaite, onde o Concello está a executar ambos proxectos de remodelación valorados en máis de 1,5 millóns de euros.

Ao respecto da rúa Cruz Vermella, un proxecto de máis de 1,3 millóns de euros, dende o vindeiro luns, 30 de xullo, e durante un período de catro días, pecharase ao tráfico o primeiro tramo da rúa Padre Gaite para talar os oito plátanos situados ao carón do Pavillón Universitario.

Dado que se trata dunha actuación de moita complexidade pola envergadura dos exemplares, os servizos técnicos e de seguridade municipais acordaron pechar toda a rúa dende o luns até o xoves, en horario de 08.00 a 16.00 horas. Despois desa hora poderase acceder. No caso de que as talas rematen antes dos catro días, a rúa quedará aberta.

Mentres se producen estes traballos, inverterase a rúa Irmáns Sobrino Buhigas para acceder dende a avenida de Bos Aires, a través de Cruz Vermella e o último tramo de Padre Gaite, cara Fernando Olmedo, Santa Clara ou Perfecto Feijoo.

O proxecto de reforma de Cruz Vermella inclúe a eliminación destas árbores que supoñen unha barreira para os peóns, para refacer a beirarrúa con outras dimensións e plantando especies máis acaídas para este espazo.

Ademais do peche de Padre Gaite tamén está previsto o peche ao tráfico da rúa da Seca (entre Casimiro Gómez e José Malvar) durante dez días para poder realizar a última parte da remodelación da rúa. Até o de agora, a empresa traballou na marxe esquerda, e dende o luns se trasladará á outra man.

O peche da rúa está previsto dende o vindeiro luns, 30 de xullo, entre as 08.00 horas e as 19.00 horas. Logo dese horario, deixarase paso. Os veciños e os servizos da rúa poderán acceder a ela durante o horario de peche; e os vehículos que accedan á zona poderán saír cara José Malvar polo Camiño Vello de Castela.

Esta obra, valorada en 170.525 euros, recolle deixar un carril de circulación e outro de estacionamento, e ampliar as beirarrúas.