Se ves ou sofres acoso, chama

42
  • O Concello pon en marcha unha campaña durante as festas para que a cidadanía recorra ao 091, 092 ou 112 en caso de violencia sexual
  • Lonas penduradas en distintos puntos da cidade e presenza policial no Concello (Michelena 30) completan a campaña de información para que non cales

Chegan as festas da cidade e o Concello pon en marcha unha campaña para informar e facer un chamamento á cidadanía para que se ve ou sofre algún tipo de acoso chame aos teléfonos 091, 092 e 112 dos servizos de emerxencias. Lonas penduradas en distintos puntos da cidade darán conta dela.

A campaña, segundo explica a concelleira de Igualdade, Carme Fouces, susténtase nos seguintes principios:

  • Apelar á cohesión social e implicar a todas as persoas que gozan das festas para que denuncien aqueles casos de acoso ou agresión sexual que poidan ver ou sofrer. Neste momento hai unha sensibilización social moi alta grazas a campañas feitas polo Concello e outras institucións ao longo destes ano; grazas ao traballo do movemento feminista que logrou que a xente no vire a cara cando presenza acosos ou agresións sexuais e as últimas resolucións xudiciais que sacaron a rúa a milleiros de mulleres.
  • É importante desenmascarar aos agresores sexuais que non só actúan nas festas, se non ao longo de todo o ano e por iso a denuncia e rexeitamento debe manterse nas festas e en todo momento.
  • Ante unha situación delictiva a quen hai que recorrer é a Policía pois sabe o que hai que facer. Neste senso lembrar que a Policía Local conta con profesionais que saben atender este tipo de agresións e que conta cunha unidade adicada en exclusiva a protexer ás víctimas da violencia machista.

Ademais de facer un recordatorio de que se chame á Policía Nacional, Policía Local e Emerxencias se ves ou sofres calquera tipo de acoso; o Concello despregará lonas en distintas partes da cidade con lemas como: Non te pase nin un pelo tío; Se queres ligar empeza por respectar; Se ves algo raro chama, as festas son para tod@s; Se alguén o pasa mal, non é unha festa… e inclúese un chamado específico para non permitir abusos na comunidade LGTBI, Gústeche quen che guste, a nós gústasnos ti.

Por outra banda á presenza policial que vai a haber na rúa durante os días de festas e de peñas sumarase un punto de atención directa que estará no propio Concello (Michelena, 30) ao que as persoas poderán dirixirse no caso de presenciar o sofrer algún tipo de incidencia. O Concello conta coa profesionalidade, formación e sensibilidade da Policía Local sempre atenta a actuar ante posibles casos de acoso e agresións sexuais, un xeito de actuar fronte a violencia de xénero reforzado nesta ocasión con instrucións internas especificas co fin de que ningún agresor saia impune.

De todos os xeitos, “agardamos que as festas sexan tan pacíficas e tranquilas como adoitan ser sempre e desexamos que veciñanza e visitantes poidan gozar delas con liberdade e sen violencia”.

Lonas da campaña

COMPARTIR