Serviocio remodelará as Piscinas de Campolongo ao desestimar o Tribunal de Contratación de Galicia o recurso da empresa Carpa

231
  • O Tribunal da a razón ao Concello que excluíra á firma do proceso de licitación por incumprir os parámetros de sustentabilidade medio ambiental esixidos
  • Serviocio gañou o concurso cunha oferta de 4,6 millóns de euros, redución de tarifas, canon de 60.000 euros/ano e a renuncia a o millón de euros de investimentos ofrecido polo Concello

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia desestima -a resolución é firme- a reclamación presentada pola empresa Carpa Servicios y Contratación SL contra a exclusión da súa oferta da licitación do Concello de Pontevedra para a concesión da obra de reforma, mellora, ampliación e explotación do Complexo deportivo de Campolongo (Piscinas de Campolongo), segundo informou o concelleiro de Economía e responsable de Contratación, Raimundo González.

Coa resolución desestimatoria na man queda desbloqueado o procedemento polo que “hoxe -como a empresa presentara xa no seu dia toda a documentación- adxudicouse xa definitivamente a concesión da piscina de Campolongo a Serviocio” sinalou González Carballo quen engadiu que “agora hai un prazo de 15 días para asinar o contrato, así o establece a lei en materia de concesión de servizos por se houbera algunha reclamación”.

Unha vez asinado o contrato, a empresa ten que presentar o proxecto definitivo das obras; despoisos técnicos municipais avaliaríano e partir de aí poderían comezar as obras. A execución da obra será de seis meses, pero o inicio dos traballos será negociado coa empresa co fin de buscar a mellor data.

O concelleiro de Contratación lembrou que Carpa fora excluída do proceso de licitación ao non cumprir os parámetros de eficiencia enerxética esixidos. O prego incluía unha serie de criterios en materia de sustentabilidade medio ambiental (eficiencia enerxética, enerxías limpas, deseño bioclimático…) que puntuaban até 18 puntos e unha das limitacións era que as empresas tiñan que pasar o corte de 6, un terzo, e empresa que recorreu tiña 0 puntos.

A empresa gañadora é a actual concesionaria da explotación desta instalación deportiva. Serviocio Cultura, Deporte y Recreación SL presentou unha oferta económica de 4,6 millóns de euros; ofrece unha redución do 100% das tarifas sociais; dun 2,5% do resto de tarifas; 60.000 euros/ano de canon o que suporá 1,2 millóns de euros dado que hai que ter en conta a revalorización do canon dende o ano 2020; e non aceptará o millón de euros públicos de investimento ofrecidos polo Concello para asumir a reforma das instalacións.

Ademais da oferta económica, a empresa tamén propón maior horario de apertura da instalación sobre os mínimos esixidos polo Concello que se resume nun maior horario de uso en época invernal: iniciando a actividade as 6.45 e finalizando as 23.30h, con horario continuado de apertura os sábados dende as 9.00 horas ata as 21.00 horas; e en época estival, se mellora a proposta mínima, coa apertura os domingos pola maña.

Na xestión da piscina, Serviocio propón un incremento de rúas para actividades programadas polo Concello. Sobre unha reserva mínima de 60 módulos horarios ao longo da semana, a empresa fai unha proposta total de 212 módulos (supón un incremento do 253%) horarios ao Concello.

Outra das moitas melloras que inclúe a oferta de Serviocio, é un investimento de 400.000 euros para novo equipamento deportivo. Ademais, incrementarase o espazo deportivo das instalacións, con máis salas xa que desaparecen as pistas de squash e bótase unha placa para completar o primeiro andar, entre outras ampliacións.

Resolución Recurso Piscinas

COMPARTIR