Adxudicada á empresa pontevedresa EC Casas a reurbanización do Gorgullón

47
  • Presentou unha oferta de 1.258.629,17 euros e asume dúas melloras: acondicionamento do entronque coa rúa Estación e mellora do pavimento da banda central da rúa
  • Os traballos comezarán nun mes pois queda presentar o plan de seguridade e saúde laboral e de tratamento de resíduos
  • ✴ A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A Xunta de Goberno local ven de adxudicar a obra de reurbanización do Gorgullón á empresa pontevedresa Construcciones EC Casas SL por un importe de 1.258.629,17 euros. Falamos dunha actuación financiada con cargos aos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra.

Ademais EC Casas asume as melloras formuladas polo Concello de Pontevedra na convocatoria do concurso: o acondicionamento do entronque coa rúa Estación, valorada en 90.000 euros e a mellora do pavimento da banda central da rúa, valorada en case 50.000 euros.

O concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez subliñou, á hora de dar conta da adxudicación, o feito de que sexa unha empresa pontevedresa a gañadora do concurso, así como que o sexan tamén as dúas seguintes clasificadas o que amosa que “hai un tecido empresarial nesta cidade que sabe facer as cousas e que sabe facelo ben”.

Demetrio Gómez explica que adxudicado o proxecto queda “asinar o contrato, que presenten o plan de seguridade e saúde laboral e de tratamento dos residuos que precisadunha avaliación externa ao Concello”. Falamos da recta final dunha tramitación administrativa que leva ao concelleiro de Obras a non poder precisar con exactitude a data de inicio dos traballos pero que “será antes dun mes”. Por diante oito meses de traballo que, se non hai imprevistos, permitirá contar co renovado Gorgullón na próxima primavera.

A rúa Gorgullón é a entrada á cidade do Camiño Portugués a Santiago polo sur e a súa reurbanización contribuirá a poñelo en valor. Ademais a obra contribuirá a mellorar de xeito substancial unha das arterias do barrio que, hoxe en día, non é máis que “a parte de atrás da avenida Eduardo Pondal”.

A reurbanización da rúa Gorgullón -rúa que forma parte do tramo urbano do Camiño Portugués a Santiago- redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona. Ademais, contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de crecemento sostible FEDER 2014-2020 e os obxectivos da Estratexia EDUSI Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Eixos proxecto de reforma do Gorgullón

  • Plataforma única co tránsito restrinxido á veciñanza e o comercio, sen estacionamentos como nas rúas Michelena ou Peregrina
  • Inverterase o sentido de circulación -pasará a ser sur-norte-; dúas vías transversais quedan en dirección a Eduardo Pondal -Moa e Travesía Eduardo Pondal- e peonalizarase a rúa do Muíño que salvará a pendente con escaleiras
  • O Camiño de Santiago quedará sinalado cunha cor e pavimento diferenciados entre calzada e beirarrúas e luces led no chan semellantes ao centro histórico.
  • Renovarase a iluminación con farolas led e redistribuiranse os puntos de alumeado
  • Vaise a aproveitar a obra para mellorar e incorporar novos servizos. Está previsto ampliar a rede de auga potábel, completar o separativo de augas pluviais e fecais e instalar unha rede eléctrica novas.

COMPARTIR