187 empresas traballaron nas festas, o 96% eran de Pontevedra

33
  • Da Silva: “Foi un verán intensísimo, sen apenas incidentes e coa xente gozando da cidade, dos amigos e a familia”
  • Foron 78 días de actividades practicamente continuadas: 301, entre outras 57 concertos (sen contar o Surfing)

Rúas e prazas ateigadas de xente, cunha alta participación nas distintas citas programadas e unha intensa actividade económica resume o primeiro balance das festas de verán, que nos próximos días serán avaliadas polo miúdo co fin de detectar aspectos mellorables ou corrixir, se é o caso, posibles disfuncións.

A concelleira de Festas, Carme da Silva, puxo enriba da mesa datos cuantitativos que amosan o “intenso verán” vivido en Pontevedra. Dende o 16 de xuño, día do Surfing The Lérez até o 1 de setembro, Feira Franca “foron 78 días de actividades practicamente continuadas”. Neste tempo desenvolvéronse 301 citas lúdicas e festivas, entre elas por exemplo 57 concertos (sen contar os do Surfing) de todo tipo de música: jazz, tradicional, clásica, pop, rock…).

As festas teñen unha importante compoñente de dinamización económica. Carme da Silva informou que nestes 78 días, foron contratadas 187 empresas, dende a que puxo as lonas da Feira Franca á que instalou as escaleiras nos concertos, as das luces, montaxe de escenarios…”Das empresas contratadas o 96% son de Pontevedra e contorna” subliñou a concelleira de Festas quen engadiu que das que non o son, as máis case sempre se corresponden con contratos artísticos como, por exemplo, Bunbury.

Da Silva puxo en valor e agradeceu publicamente a “moita colaboración de moitísimas asociacións e tamén a moita colaboración co tecido empresarial”, chave de gran parte do éxito.

“Verán intensísimo, sen apenas incidentes e coa xente gozando da cidade, dos amigos, da familia”. Así definiu a concelleira as festas de verán da cidade ás que lle queda un colofón pendente: o Festival do Leite, que se vai a celebrar o 15 de setembro na Illa do Cobo.

COMPARTIR