O acondicionamento do Local Social do Burgo comezará o luns

16
    • Os traballos inician coa instalación da cornisa da primeira planta do campo na esquina que ocupa a instalación veciñal.
    • Está garantida a seguridade no campo en todo momento, sen ter que inhabilitar ningunha butaca deste equipamento.

Concello e empresa adxudicataria mantiveron esta mañá un encontro para fixar o inicio das obras do novo Local Social do Burgo, situado na primeira planta do Campo de fútbol de Pasarón. Acordaron iniciar as obras do acondicionamento o vindeiro luns, mantendo sempre a seguridade no campo, que non se verá afectado polos traballos. Poderanse empregar todas as butacas en días de partido e só se impedirá o acceso a un baño e a un bar, inicialmente.

A reforma comezará pola colocación da cornisa que lle falta ao edificio na esquina que ocupará o Local Social, e a continuación dividir as entradas ao campo e ás instalacións veciñais. Uns traballos previos que durarán arredor de mes e medio.

O acondicionamento do Local Social do Burgo foi adxudicado á empresa Gómez Crespo Obras y Servicios por 529.254 euros. O prazo de execución será de 8 meses.

A obra consistirá na creación dun centro social accesíbel e intelixente dende un punto de vista social, económico e enerxético, e totalmente independente do estadio de fútbol de Pasarón. Para garantir a perfecta separación xérase unha nova e específica entrada para o local social.

O futuro Centro Social de O Burgo ocupa 1.087 metros no campo de Pasarón. No soto estarán almacéns e armarios diferenciados para a asociación de veciños e para o CF Pontevedra. O primeiro andar disporá dun vestíbulo e zona de estancia de 111,50 metros cadrados, unha aula social de 62,40 metros e un salón multiusos de 97,05 metros, entre outras dependencias. Estes espazos estarán destinados a actividades, cursos, obradoiros… polo que se inclúe unha cociña-aula solicitada pola asociación.