O modelo de Pontevedra esperta o interese da Alcaldía de Foz de Iguazú

14

    • Logo da intervención de Lores en Termatalia, o rexedor de Foz, Francisco Lacerda, convidouno a coñecer a súa localidade. O domingo amosaralle persoalmente diversos barrios da cidade, para explicarlle a política de mobilidade que está a implantar na cidade brasileira.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores ofreceu onte pola tarde (21.00 horas local) unha conferencia no marco de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que se está a celebrar nestes días na localidade brasileira de Foz de Iguazú. Co título “Modelo de mobilidade sostible”, o alcalde dirixiuse a prefectos e concelleiros da comarca, que integraban un público dunhas 50 persoas, entre os que se topaba o alcalde de Foz de Iguazú, Francisco Lacerda, acompañado do secretario municipal de Turismo, Gilmar Antonio Piolla, que quixo asistir á intervención de Lores para coñecer polo miúdo a experiencia de Pontevedra.

De feito, logo da intervención, Francisco Lacerda ofreceuse a amosar Foz de Iguazú ao alcalde de Pontevedra, para ensinarlle a política de mobilidade que quere implantar na súa localidade, que ten unha poboación superior aos 250.000 habitantes. Os rexedores quedaron para mañá pola mañá, para facer esta visita guiada pola cidade, á que tamén se sumarán a concelleira de Promoción da Cidade de Pontevedra, Anabel Gulías, que acompaña a Lores na súa viaxe, e tamén o secretario municipal de Turismo de Foz, Gilmar Piolla.

Na súa intervención en Termatalia, no Encontro internacional de cidades termais, o alcalde estableceu as grandes diferenzas entre as cidades europeas e americanas debido á distinta evolución histórica de cada unha, e de referirse ao caso da cidade de Brasilia —un proxecto utópico deseñado nos anos 50 pensando no rei coche—, expuxo o caso de Pontevedra, unha cidade que logrou domesticar o automóbil fomentando unicamente o tráfico de necesidade e limitando todos os demais (os de paso e os que procuran aparcamento).

A continuación degraeu todos os logros conseguidos pola cidade en materia de contaminación, seguridade viaria, espazo público e outras magnitudes entre as que subliñou os numerosos premios logrados polo modelo urbano.

Entre o público preguntáronlle: “Como conseguiu ese milagre, exemplo para todo o mundo?”.