Pontevedra marca o camiño do novo modelo de cidade nas Xornadas de Urbanismo INAP

57
  • O director xeral de Urbanismo sinalou os tres piares que sustentan a transformación urbana da Boa Vila: vontade política, coordinación administrativa e participación social
  • A Boa Vila compartiu protagonismo con Vitoria-Gastéiz (e o seu Anel verde) e Torrelodones (e o seu proceso de participación no planeamento urbano)

Pontevedra estivo presente nas 1a Xornadas de Urbanismo INAP (Instituto Nacional de Administración Pública) que xiran arredor da temática “A axenda urbana local. Novo modelo de cidade”. As xornadas, que se celeban en Madrid, rematarán mañá. O director xeral de Urbanismo e Servizos Xerais do Concello de Pontevedra, Xosé Manuel Tato, acudiu a este foro para falar da transformación que converteu á Boa Vila nun modelo de mobilidade e calidade urbana, referente no mundo (orixe, proceso e resultados) e fíxoo fronte a un público de técnicos, profesionais e persoal de Administración vencellados ao mundo do urbanismo.

“Pontevedra: un modelo de cidade centrado nas persoas” foi unha das tres experiencias elixidas pola organización do encontro como exemplo de “boas prácticas nacionais”. As outras dúas foron: o “Anelo verde de Vitoria-Gastéiz: o sistema de infraestrutura verde urbano” do que falou Eduardo Rojo Fraile, responsábel do Servizo de Espazo Público e Medio Natural do Concello de Vitoria-Gastéiz e “A participación cidadá no planeamento urbano. Avance do Plan Xeral de Torrelodones”, exposta polos arquitectos Patxi Lamiquiz Dauden, profesor do departamento de Urbanística e Ordenación do Territorio da ETSAM- UPM e Eduardo Espinosa Sánchez, socio de Cota Cero SLP.

Tres piares sustentan a transformación urbana da cidade do Lérez, explicou Xosé Manuel Tato: a vontade política de sacar adiante un proxecto pensado e deseñado para priorizar as persoas; a coordinación dos esforzos, dos recursos e administrativa que deu cobertura aos cambios soñados e a participación social que asumiu como propio o modelo Pontevedra.

Recuperar os espazos públicos -no pasado, ateigados de coches- para as persoas,; loitar contra a violencia viaria; construír unha cidade accesíbel, inclusiva, igualitaria e democrática, de alta calidade urbana e medio ambiental, en definitiva, reconquistar a cidade para as persoas foi o obxectivo marcado e que xa ten resultados cuantitativos e cualitativos (cambio de paradigma na mobilidade priorizando as persoas e os desprazamentos a pé, 0 mortos por atropelos dende o ano 2011; redución nun 67% das emisións de CO2; facilidade para desenvolver a actividade económico; cohesión social e orgullo de pertenza…).

O director xeral de Urbanismo subliñou, durante a súa intervención, que a transformación radical de Pontevedra fíxose sen cambiar o PXOM de 1990. O alcalde, ao fronte deste proceso dinámico, asumiu as competencias que lle permitiron limitar e ordenar o tráfico nas vías públicas, recuperar os espazos públicos para a veciñanza e acoutalos para usos necesarios. Modificáronse as normas de tráfico e urbanísticas para promover outra mobilidade, na que as persoas foran a prioridade.

No 2009, xa con gran parte do camiño percorrido, elaboraronse as Directrices dos espazos públicos; porén ao longo destes case 20 anos pódense sinalar varios fitos xurídicos que deron cobertura ao proceso transformador:

  • 1999. Declaración do casco histórico como área peonil
  • 2002. Bando de mobilidade
  • 2003. Peprica.Plan especial de protección do casco histórico
  • 2006-2011. Bando de carga e descarga
  • 2009. Diretrices dos espazos públicos
  • 2010. Implantación da velocidade 30km/h en toda a cidade
  • 2010. Colaboración coa DGT na elaboración dun novo Regulamento de circulación
  • 2012. Velocidade 30km/h en todo o viario municipal

O modelo Pontevedra é un modelo vivo, flexible e dinámico e distínguese de outras iniciativas por sen un proxecto integral, que afecta a toda a cidade.

As Xornadas de Urbanismo do INAP continuarán maña, momento no que se porán en común os relatorios e debates co fin de tirar conclusións que sexan de utilidade para todos aqueles profesionais e institucións que traballan no planeamento urbano.