A reforma do Multiusos avanza e inclúe unha bancada entre as dúas pistas

43
  • O alcalde Miguel Fernández Lores achegouse á Xunqueira para ver a evolución dos traballos que comezaron o pasado 22 de agosto e que rematarán a comezos do próximo ano
  • A obra estará financiada nun 80% por Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

As obras de reforma integral do Pavillón Multiusos da Xunqueira avanza a “bo ritmo”, segundo puideron comprobar hoxe o alcalde Miguel Fernández Lorez e o concelleiro de Obras e Mobilidade, Demetrio Gómez. Os traballos comezaron o pasado 22 de agosto e estenderanse até comezos do próximo ano. Porén cando os terreos de xogo -cuxa instalación está en marcha- estean listos e as cristaleiras do recinto renovadas, poderán usar as pistas para adestramentos mentres se remata a obra.

A Unión Temporal de Empresas (UTE) Prace-Constructora San Emeterio é a empresa encargada da reforma do Pavillón Municipal Multiusos da Xunqueira. Foille adxudicado o proxecto por 1.947.164 euros. Trátase do primeiro proxecto construtivo aprobado e adxudicado dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integral (EDUSI) de Pontevedra. Após del chegou a adxudicación da reforma do primeiro andar do Mercado de Abastos e está na recta final do proceso de adxudicación a reurbanización do Gorgullón.

O Multiusos ten 24 anos “e tiña necesidades de mellora e actualización” inaprazables, subliñou o alcalde, pois aínda que neste tempo fixéronse traballos de mantemento tratando de alongar a súa vida útil, ultimamente presentaba evidentes problemas estruturais, xunto a outros que fixeron necesaria esta reforma integral.

  • A eficiencia enerxética e a calidade das prestacións serán dous fíos condutores da actuación nesta concorrida infraestrutura deportiva. Unha actuación na que o alcalde Fernández Lores destaca varias craves:
  • a renovación dos vestiarios que darán servizo ademais de ao Multiusos, a todos os campos de fútbol da Xunqueira e as necesidades do alumnado do IES A Xunqueira 2 que o ten como pavillón deportivo.
  • o pavimento, que será de última xeración, o que existe no mercado e que suporá un salto cualitativa respecto á pista anterior respecto á duración, flexibilidade para prever lesións…
  • construirase entre as dúas pistas de xogo unha pequena bancada, de algo máis de 100 prazas para cada lado. Ademais de habilitarse no andar superior un espazo para público

Oito clubs utilizan de xeito habitual o Multiusos da Xunqueira, ademais do alumnado do IES A Xunqueira II que o ten como polideportivo. A todos eles o concelleiro Demetrio Gómez agradece a colaboración e as facilidades dadas para acadar entre todos un consenso para reubicarse e manter a continuidade da actividade deportiva.. Os clubs que traballan de xeito continuado na instalación da Xunqueira son o Teucro, Cisne, Leis, Voleibol Pontevedra, Arxil, Estudantes Pontevedra e O Club de Baloncesto Pontevedra e os equipos da Liga Asfusa.

Proxecto

  • O proxecto de reforma integral do Pavillón Municipal Multiusos da Xunqueira contempla conservar só a estrutura do edificio e derrubar o demais.
  • Cuberta, refarase totalmente con illante térmico até o de agora inexistente e impermeabilízase dando solución aos problemas actuais de humidade. Só se manterá a grava actual sobre a cuberta.
  • Illamento térmico da instalación, lograrase cunha nova carpintería metálica e novo acristalamento específico para acadar ese illamento.
  • Renovaranse todos os servizos: electricidade, alumeado Led que permitirá poder practicar deportes nas dúas pistas de forma independente, fontanería, mellora do sistema antiincendios…
  • Renovarase todo o sistema de calor con novas caldeiras, sistema de quecemento de auga con placas solares, sistema de auga quente sanitaria, e sistema de auga fría.
  • Farase unha mellora integral da accesibilidade, eliminando as barreiras do edificio, instalando un novo ascensor, e construíndo aseos adaptados para o público, dos que agora carecen.
  • No tocante ás instalacións deportivas, está prevista a redistribución dos vestiarios de xeito máis racional e equilibrado, con novo mobiliario e equipamento interior. Tamén serán novas as pistas deportivas, xa que se retirará a actual soleira de formigón, instalarase unha nova, sobre a que se montará a nova superficie de xogo. Tamén disporá de novo mobiliario como banquiños e mesas de control, canastras de baloncesto e bancadas con cortina elevábel.

Fondos FEDER

A intervención no Pavillón Multiusos redundará na mellora do desenvolvemento sostible da zona e a sustentabilidade futura da intervención queda garantida, e contribúe a acadar os obxectivos previstos no Programa Operativo de Crecemento Sostible FEDER 2014-2020, e os obxectivos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) Máis modelo Pontevedra, coa que o Concello de Pontevedra acadou os fondos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

COMPARTIR