Xeración Sónica, o proxecto musical pensado para a rapazada de 13 a 16 anos

79
  • Promovido pola Concellería de Xuventude ten como obxectivo integrar, crear e promover a cultura musical e difundicla
  • Un selo con nome propio arroupará os proxectos creativos
  • Ábrese hoxe o prazo de inscrición a través de https://apuntate.pontevedra.gal

“Educar musicalmente á mocidade; integrar, crear e promover a cultura musical e difundila”. Con este obxectivo nace XERACIÓN SÓNICA, un proxecto artístico e musical da Concellaría de Xuventude pensado para rapazas e rapaces de 13 a 16 anos.

Ademais “tamén ven a cubrir unha franxa de idade que quedaba no limbo” explica o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña quen lembra que en Pontevedra temos o Local de ensaio que canaliza as inquedanzas e intereses musicais dos mozos e mozas maiores de 16 anos e o obradoiro Rock Lab que se desenvolve no Pazo da Cultura e no que participan nenas e nenos de 5 a 12 anos.

Alberto Oubiña presentou hoxe o proxecto: un programa de titorización de 6 grupos (30 alumnos e alumnas), para que conformen proxectos artísticos e audiovisuais, nun espazo -o Local de ensaio- no que queremos que participen cando rematen o proxecto. Ao seu carón Violeta Mosquera, que traballará na produción musical e audiovisual da actividade e Miguel Neira, na composición e creación artística. Xeración Sónica está coordinado por Gonzalo Maceira.

Hoxe 10 de outubro queda aberto queda aberto o prazo de inscrición para participar neste proxecto a través do formulario online https://apuntate.pontevedra.gal O prazo de inscrición remata o día 23.

Datas: os mércores de outubro 2018 a xuño 2019
Horario: de 16.00 a 18. 00 (3 grupos) e de 18.00 a 20.00 (3 grupos)
Lugar: Local de Música de Pontevedra na rúa Otero Pedraio s/n (ao carón do albergue peregrinos).

Prezo: 120 euros, a pagar en dous prazos trimestrais. Haberá bolsas a través da Fundación Meniños co fin de que ningún rapaz ou rapaza interesada quede sen participar por cuestións socioeconómicas.

Entre todas as solicitudes recibidas, darase prioridade a aspirantes que teñan experiencia musical previa, formación musical acreditada ou material propio editado ou non. A finais de outubro comunicarase o resultado da selección e as persoas seleccionadas deberán formalizar a súa inscrición definitiva co pago da matrícula.

Xeración Sónica ten no horizonte a integración e difusión dos traballos musicais e audiovisuias baixo un selo discrográfico con nome propio, ademais buscará sinerxías co comercio e negocios locais cara a posibles patrocinios e compromisos de difusión, sinalou Violeta Mosquera quen gravará pezas audiovisuais das producción feitas no obradoiro.

+info

Oficina de Xuventude do Concello de Pontevedra
Casa da Luz, pza da Verdura s/n, 1º andar 986840367 xuventude@pontevedra.gal      Local de Música r/Otero Pedraio, s/n 986 856 573 localdemusica@gmail.com