Lores anima a empoderar á sociedade para reclamar cidades mellores

21

    • A Rede de Cidades que Camiñan celebra o seu congreso reforzándose e coa intención de convertirse en referente da transformación urbana

“A política e os municipios teñen que comprometerse moito máis en defensa do hábito de camiñar, reducindo o espazo destinado aos vehículos e ampliando o dedicado ás persoas. Só así poderemos ter cidades diferentes, de maior calidade e non entregadas ao automóbil”. Son palabras de Miguel Anxo Fernández Lores no congreso anual da Rede de Cidades que Camiñan, que el preside como alcalde de Pontevedra.

Lores participou nunha mesa redonda baixo o título “Empoderamiento peonil e valentía política”, acompañado de representantes das cidades extremeñas de Herrera del Duque e Villanueva de la Serena. Os argumentos que se barallaron relacionáronse coas presións que reciben os alcaldes para non animarse a rescatar as cidades do dominio automobilístico.

O alcalde de Pontevedra enmarcou a decisión de transformar as cidades no ámbito global: “É unha tendencia en todo o mundo mellorar a vida nos espazos urbanos e ten que ser a presión social e a decisión política capaces de mudar esa situación promovendo cidades para todas e todos”. Abogou polo empoderamento das cidades para avanzar con máis decisión e confiou na rede das Cidades que Camiñan ese papel potenciador da camiñabilidade.

No congreso presentáronse as experiencias das cidades premiadas, o que serviu para poñer en común a idea de que a transformación pode realizarse en calquera cidade sexa cal sexa o seu tamaño.

A asamblea xeral da Rede acordou lanzar esta organización municipalista como entidade de opinión sobre a potenciación da camiñabilidade nas cidades reforzando o seu staff técnico e promovendo novas accións que reforcen o seu papel de referente das cidades que se convirten en espazos urbanos amables.

Cidades que Camiñan, entidade presidida por Lores, é unha rede que agrupa a case 40 municipios de España e Portugal que en conxunto a conforman máis de 3 millóns de habitantes. Ademais de Pontevedra, participan na rede cidades como Sevilla, Cádiz, Córdoba, Irún, Ciudad Real, Maó ou Torrelodones, entre outras moitas.

Este ano entregáronse os premios ás cidades de Cádiz, Carballo e Herrera del Duque, por proxectos que presentaron a cada unha das categorías de cidades, segundo o seu tamaño.