A ARI do Centro histórico financiará obras por valor de 1,4 millóns na súa terceira anualidade

34

    • O Concello solicitou unha contía de 2,8 millóns de euros, pero finalmente fóronlle outorgados só a metade.
    • O vindeiro 31 de outubro asinarase o convenio co Ministerio de Fomento e a Xunta, co que se poderá iniciar a elaborar as bases das axudas a particulares.

O Casco histórico de Pontevedra recibirá unha inxección económica de 1.496.033,50 euros de investimentos coa terceira fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI) que foi confirmada hai uns días ao Concello e que se asinará arredor do 31 de outubro. Aínda que a petición inicial do Concello era de 2.883.455,23 euros para executar 140 rehabilitacións de vivendas e 2 rehabilitacións de espazos públicos, finalmente a achega quedou na metade do solicitado.

Ao igual que en anteriores anualidades, os fondos serán asumidos polo Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, (nesta ocasión nas porcentaxes de 33%, 11% e 9.98%, respectivamente) e os particulares con cargo ao Plan Estatal de Fomento do alugamento de vivendas, rehabilitación edificatoria e rexeneración e renovación urbanas.

Unha vez que se aproben os fondos, coa sinatura do convenio a tres bandas que se asinará o vindeiro 31 de outubro, o Concello poderá publicar as bases para que os particulares poidan concorrer a estas axudas á rehabilitación. A porcentaxe subvencionable oscila segundo a convocatoria. A da pasada anualidade foi do 45%, cunha contía máxima por vivenda de 15.000 euros, e nas fases anteriores o importe máximo subvencionable era do 35% cunha contía máxima de 11.000 euros por vivenda.

O Concello solicitou unha prórroga até o 31 de decembro de 2019 para xustificar as primeiras dúas fases de subvención da ARI do Centro histórico. Até o de agora se executaron 112 actuacións dun total de 150 subvencionables.

Obras de rehabilitación

Coas axudas das ARIs pódense acometer calquera tipo de rehabilitación da vivenda ou dos edificios (agás acabados e decoración). Entran nestes proxectos obras de adaptación á normativa; eficiencia enerxética, espazos comúns dos edificios…

O Centro histórico foi declarado ARI pola Xunta de Galicia en outubro de 2012 e outorgóuselle a primeira liña de axudas no ano 2015.