Abre o prazo para presentar proxectos ás Noites Abertas 2019

7

    • Os interesados terán de prazo até o 31 de outubro.
    • Poderán facelo on-line a través da web noitesabertas.gal, así como suxestións neste proceso de achega de proxectos.
    • Está prevista unha reunión informativa, aberta a todo o público, este mércores ás 19.00 horas.

O Concello de Pontevedra activa hoxe mesmo o proceso de presentación de proxectos para participar nas Noites Abertas 2019. Esta 20 edición chega dixitalizada. Por vez primeira poderanse presentar os proxectos on-line, facer suxestións pola mesma vía e créase un sistema interno que ofreza datos máis fiables do seguimento das Noites.

A presentación de proxectos poderase facer a través da páxina web oficial http://noitesabertas.gal, así como suxestións de cara á organización da nova edición que comeza o vindeiro 25 de xaneiro. Dende hoxe mesmo, a páxina web xa dispón dos formularios on line para facer as achegas ata o 31 de outubro.

Posteriormente, ao longo do mes de novembro, a coordinación do programa fará a selección de proxectos e comunicará esta selección ás persoas/entidades responsables. Os admitidos integrarán a programación final que se coñecerá logo do Nadal.

Para ofrecer información sobre como se han de presentar os proxectos, a Concellaría organiza este mércores, 17 de novembro, de 19 a 20 horas, unha reunión informativa no salón de actos do Pazo da Cultura. Poderán asistir todas as entidades ou persoas interesadas.

Entre os requisitos que deben cumprir os proxectos que se presentan a Noites Abertas destaca:

    • Deberán ser inclusivos, non sexistas, lúdicos e participativos, favorecendo as relacións interpersoais e o traballo en grupo.
    • As propostas deberán ter en conta que non son cursos, é dicir, non se poden programar durante varios meses.
    • Están dirixidos para mocidade entre os 12 e os 30 anos (aínda que dentro deste rango, pódense presentar actividades para maiores de 16, de 18, etc).
    • Debe desenvolverse en horario nocturno e na fin de semana: venres ou sábados dende o 25 de xaneiro ao 6 de abril de 2019 (agás 1, 2, 8 e 9 de marzo, Entroido), e no intervalo de 20 e as 00:30h establecer un horario para cada actividade.
    • Debe ter carácter socioeducativo (educación para a igualdade, ambiental, saudable..), sociocultural (promoción da cultura galega, da interculturalidade e diversidade cultural, arte, música, teatro, xogos, gastronomía…) ou físico-deportivo.

Noites Abertas

Noites Abertas é un programa de ocio nocturno para os venres e sábados de xaneiro a abril que puxo en marcha o Concello de Pontevedra no ano 1999 e que nesta nova edición cumprirá  20 anos consecutivos.

Este programa municipal naceu ante a necesidade de dispoñer dunha oferta de balde de ocio educativo e construtivo para a mocidade de Pontevedra. Un espazo alternativo para a diversión e para a aprendizaxe con actividades construtivas, lúdicas e interactivas e, ao mesmo tempo, pretendíase optimizar instalacións municipais culturais, deportivas e educativas destinándolles novos  usos en distintos horarios. En definitiva, un espazo para a participación real da mocidade, onde se lles permitira levar a cabo os seus proxectos, detectar necesidades e demandas, así como amosar as súas habilidades e inquedanzas, servindo de “escaparate” para a xuventude de cara á súa propia comunidade.

Xunto aos proxectos municipais “Sétima Feira”, “Salón do Libro Infantil e Xuvenil” e “Seminario Permanente de Jazz”, Noites Abertas foi recoñecido neste ano como Boas prácticas de xestión cultural en Galicia, por parte da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e a Deputación da Coruña.

COMPARTIR