Bo ritmo na execución das obras do Local Social de Estribela

37
  • Estímase que a obra poderá estar rematada cara final de ano

O Concello de Pontevedra realizou esta  mañá unha visita ás obras de reforma do Local Social de Estribela, onde estaba convocada a Comisión de Mobilidade, Infraestruturas, Obras e Servizos. O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez mantivo un encontro cos técnicos municipais e a empresa que estiman que as obras estanse a executar en prazo, e poderán estar rematadas cara final de ano.

A reforma do Local Social de Lourizán foi adxudicado a CPA por 452.182 euros, aínda que a licitación do proxecto era de 545.521,32 euros. A empresa ofertou un prazo de execución de 6 meses, e melloras no mobiliario valoradas en 33.000 euros.

O de Lourizán será un dos máis grandes centros sociais que o Concello ten repartidos por barrios e parroquias. Terá unha superficie de 672 metros cadrados construídos, moi necesaria para albergar as múltiples actividades que se programan a parroquia máis poboada do municipio.

Dispón de dous andares. Na planta baixa (o que era o antigo mercado que está pechado agás un espazo que ocupa unha concesión dunha carnicería, totalmente exenta ao edificio actual), empregarase para usos específicos e menos habituais como conferencias, proxeccións, exposicións… Créase unha sala de 130 metros cadrados que se fai accesíbel dende o exterior creando un vestíbulo de entrada. Disporá de zona de almacén, aseos e dun office que poderá servir para facer cursos de cociña, por exemplo.

Esta planta é totalmente independente do segundo andar, que ten acceso directo dende a parte de atrás do edificio. Esta segunda planta ten unha superficie de 372 metros cadrados para almacéns, despacho, dúas aulas e aseos. O vestíbulo común a estas salas disporá de iluminación natural, xa que as paredes das salas non chegarán até o teito o que permitirá que entre a luz cara o vestíbulo central.

Ademais, está previsto crear unha galería á vista en toda a fachada para dar maior luz a todas as dependencias.

A redacción do proxecto contou cun proceso amplo de consultas e achega de propostas, ademais de recoller todas aquelas necesidades que se tiñan plasmado no Plan de Parroquia de Lourizán. O resultado foi un proxecto sustentábel economicamente xa que permite aproveitar os recursos económicos e un edificio xa construído; socialmente, porque a parroquia precisa un espazo de encontro veciñal; e ambientalmente porque ademais de reutilizar unha infraestrutura xa existente, empregará materiais e unha iluminación respectuosos co medio.

COMPARTIR