O Hospital Provincial recibe o primeiro vao oficial do Concello

43
    • A colocación da placa foi un acto simbólico para anunciar o arranque da campaña de entrega das placas entre os propietarios e as comunidades de veciños.
    • O Concello fai de oficio este proceso de regularización, e ningún veciño debe dirixirse ás dependencias municipais até que reciba a notificación correspondente no seu domicilio.
    • Logo de rematar coa cidade, continuarase polo barrio de Monte Porreiro e o rural.

O Concello de Pontevedra entregou esta mañá o primeiro vao municipal ao Hospital Provincial, con número 0001, como acto simbólico do inicio da campaña de entrega das placas oficiais a todos os propietarios e comunidades de veciños do concello. No acto de entrega e colocación da placa estiveron presentes a alcaldesa en funcións e concelleira de Disciplina Urbanística, Carme da Silva, e o director de recursos económicos de Xestión Integrada de Pontevedra e o Salnés, Vicente García Fernández.

Os servizos municipais iniciaron un estudo de campo en toda a cidade o pasado mes de febreiro, para coñecer os número de entradas de carruaxes que existen. Foron localizados 1.350 vaos en distintas situacións: dende os que están totalmente legais até os que non o están.

Nestes momentos, os servizos técnicos están a revisar cada caso a través das bases de datos municipais, e comezarán a enviar notificacións aos particulares informándolles da situación na que se topa o seu vao e se queren regularizalo.

A concelleira Carme da Silva explicou esta mañá que as notificacións faranse dun xeito ordenado. Empezaranse polos vaos que estean perfectamente regularizados, despois os posteriores ao 2003, a continuación os anteriores a esa data, e finalmente, aqueles que non teñen nada regularizado.

Neste proceso, o Concello dalle opción a os titulares dos vaos a poder regularizalos, e entrégalles a placa oficial, de balde. Ademais, este proceso de regularización inicial non leva parello ningún suposto sancionador. Esta opción abrirase unha vez que conclúa todo o proceso de regularización que tardará varios meses.

Carme da Silva explicou que non é preciso que ningún veciño ou responsable de comunidade de veciños se achegue ao Concello por esta actualización, xa que será o Concello o que comunicará a cada propietario ou responsable de comunidade a situación na que se atopa o seu vao e a oportunidade de regularizalo (xa que é unha cuestión voluntaria).

Unha vez que remate a entrega dos vaos na cidade, continuarase por Monte Porreiro e tamén polo rural.

COMPARTIR